TARDE E TARDIÑA ACHEGARÁ CADA SEMANA UN ESPECTÁCULO PARA PÚBLICO FAMILIAR E UN PARA ADULTOS

Maite Ferreiro presenta a segunda edición da programación para público familiar e adulto Tarde e Tardiña

Ferreiro: "un ano máis volve a música, o teatro e a narración oral á Canella do Hospital nas tardes dos xoves"

Maite Ferreiro presenta a segunda edición da programación para público familiar e adulto Tarde e Tardiña

Lugo, 10 de xullo de 2021. A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a terceira edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar Tarde e Tardiña. Segundo declarou Maite Ferreiro, "trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves". A edil de Cultura informou que "cada día terá lugar un espectáculo para público familiar ás 18:30 horas, e un pase para público adulto ás 21 horas".

 

Tarde e Tardiña comezará o vindeiro xoves 15 de xullo, e os espectáculos para público adulto traerán seis noites de recitais onde varias das mellores voces da poesía galega contemporánea entrarán en diálogo coa música e outras disciplinas e linguaxes.

 

Chus Pato, Olalla Cociña, Oriana Méndez, Piti Sanz, Antía Otero, Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Alba Cid, Leo Arremecághona, Xiana Arias, Olalla Cociña, Nieves Neira, Lois Pérez, Jesús Castro, Luís Monsalve, Xurxo Chapela e Samuel L. París son as participantes desta II edición do Tarde Tardiña, que aspira a converterse nun referente dos ciclos de poesía galega.

 

Todos os eventos de Tarde e Tardiña terán lugar na Canella do Hospital, e en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade. A entrada será gratuíta ata completar a cabida do recinto. Poderá solicitarse máis información nas redes sociais da área de Cultura ou no 010 (982 297 350)

 

Programación Tarde e Tardiña 2021

 

Xoves 15 de xullo

 

Tarde 18:30

The Show Moscón, de Galitoon

Duración: 50 minutos

Idade recomendada a partir de 2 anos

The Show Moscón é un circo de títeres ambulante de "varietés", presentado por un moscón gordecho. Un marabilloso circo, representado por un armario que abre as súas portas para mostrar os diferentes números que se atopan no seu interior.

Dentro deste armario poderase desfrutar de verdadeiras divas da canción, absurdos números musicais, horribles magos e mentalistas, incribles bebés equilibristas, marabillosos números de danza e un senfin de humor

 

Tardiña 21:00

Un verso estoura na tarde 

Tamara Andrés, Nieves Neira, Xerardo Quintiá e Luís Monsalve (piano)

A rosa florece no poema, como todo o que vive baixo o Sol. Dúas voces cunha enorme proxección: a poética intelixente e sutil da lucense Nieves Neira e a poesía médium da combarresa Tamara Andrés, canda a lectura do Manifesto do ciclo a cargo dun dos poetas lucenses máis destacados da súa xeración, Xerardo Quintiá. Un verso estoura na tarde. E alí a poesía, coma un boneco branco axeonllado cos brazos en cruz no medio do camiño.

 

Xoves 22 de xullo

Tarde 18:30

Abracadaver, de AsSircópatas

Duración: 45 minutos

Idade recomendada para todos os públicos

Volve Rogelio, cun espectáculo desde a súa casa. Unha cura colectiva para perder o medo. Unha terapia de choque. Cos números de circo máis terroríficos que xamais se viron e que nos porán os pelos de punta. Malabares, faquirismo, acordeón, equilibrios e moitas sorpresas máis non aptas para cardíacos.

Tardiña 21:00

Vigo-Xinzo-Lalín-extravío

Chus Pato, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón e Leo Arremecághona

Cómpre transitar o verso como unha estrada do mar, unha pista forestal, a segunda vía. Apartarse do camiño na procura da promesa, coma situacionistas de Debord. Chus Pato, unha das voces fundamentais e de máis percorrido internacional da poesía galega contemporánea, a poética críptica e exploratoria de Oriana Méndez e o ensamble de versos con ecos do Delta de Matamá: a reivindicación do rural coa poesía lúcida de Xabier Xil Xardón e a transgresión rebelde do Leo Arremecághona. Extravío para respirar. 

Xoves 29 de xullo

 

Tarde 18:30

Carman, de Javier Ariza

Duracion: 50 minutos

Idade recomendada a partir de 4 anos

Carman é unha comedia de rúa para un showman e un Seat 600, un divertido espectáculo no que o coche icónico da mobilidade cobra vida e rematará por conducir sen conductor nunha rutina musical e circense que pode chegar a Eurovisión.

 

Tardiña 21:00

Ítaca Paradiso

Antía Otero, Alba Cid, Ismael Ramos, Gonzalo Hermo e Luís Monsalve (piano)

A illa, dende Circe a Homero, é sempre un territorio de excepción, tamén de posibilidade. A poesía esencial e vianesca de Antía Otero, o canto carsoniano e internacionalista de Alba Cid, co coro intimista de Ismael Ramos e Gonzalo Hermo, viaxa coa música no piano de Luís Monsalve, de regreso a un paradiso chamado poesía. Escoitade o murmurio ao lonxe, o eterno si do mar do que falaba Homero. Sssshhh...

 

Xoves 05 de agosto

 

Tarde 18:30

Varietés do animalario, de Paporrubio

Duración: 50 minutos

Idade recomendada a partir de 3 anos

Nun contexto humorístico e divertido, a raposa e o lobo vense envoltos nun conflito pola propiedade dunha pereira con sete peras, á que misteriosamente lle van desaparecendo as peras unha a unha. No texto vense cuestionados os roles habituais que teñen a raposa e o lobo nas cultura galega de tradición oral; os dous vólvense vexetarianos, son rexeitados polos seus grupos habituais de compañía e acaban sendo compañeiros a causa do amor pola Pereira coas sete peras. Todo isto, acompañados das características humorísticas clásicas da tradición de monicreques galega: os enredos lingüísticos, a cachiporra, a astucia do heroe e do antiheroe...

Tardiña 21:00

Poesía pulp(o)

Piti Sanz, Xurxo Chapela e Samuel L París

As poetas cumpren co seu mandato: mudarlle o nome ás cousas chamándoas polo que son. O Far West do rupturismo anti-poético ten un pé en Muros e outro en Carballo. As poéticas transgresora, metaliteraria e auto- referencial de Samuel L. París e Xurxo Chapela entran en diálogo coa música dun auténtico rocker ilustrado, o lucense Piti Sanz, protagonista de páxinas substantivas da música galega e os seus territorios fronteirizos. Alguén dixo que a poesía é un arma cargada de futuro, o malo é que o futuro é do Santander Central Hispano.

 

Xoves 12 de agosto

 

Tarde 18:30

Kaldi, de Maintomano

Duración: 50 minutos

Idade recomendada para todos os públicos

Un curioso ser fala a través de acrobacias aéreas e movementos sobre o mundo do café. A súa rutina diaria parece que está sendo do máis normal, ata que o café comeza a afectarlle. Vai pasando por diferentes estados, transformándose, cambiando a súa calidade de movemento e incluso a súa personalidade. Un trapecio, unha mesa, unha cadeira e moito café, sobre todo moito café.

 

Tardiña 21:00

Lírica Piringalla

Lois Pérez, Lito Pereira e Lucha Panorama

Facer balconing no Courel. Stop. Unha das voces fundamentais do wrestling mexicano, Lucha Panorama. Stop. En diálogo poético coa lenda viva do underground lucense, Lito Pereira. Stop. Reaparece en público logo de dúas tentativas de suicidio, mítico membro do menos mítico Colectivo Iguazú Hermanos Fanego de intervención poética e do Comando Poético Hexágono Rural Exodus. Vai Lois Pérez, tamén.

 

Xoves 19 de agosto

 

Tarde 18:30

Nono, de Pistacatro

Duración: 40 minutos

Idade recomendada a partir de 3 anos

Benvidos ao mundo de "Nono", este inocente clown faravos viaxar pole seu mundo de fantasía, onde intentará mostrar os seus mellores trucos de malabares aínda que os problemas acontezan en cada esquina, e o final, rematen sendo resoltos con moito humor.

Poderedes disfrutar de incribles malabares, unha pelexa encarnizada cun mosquito, a aparición do seu inseparable amigo o mono, un combate de boxeo, e moito, moito máis.

Todo isto, nunha combinación de Mimo, Malabares, Manipulación de marionetas, clown e un mundo sen palabras que vos fará rir e saltar dos asentos. Un espectáculo rico e cheo de paixón para tódalas idades

 

Tardiña 21:00

Tres tristes tigres

Xiana Arias, Beiro Molina, Olalla Cociña e Jesús Castro

Versos prófugos no código morse da xeografía lucense. Coma saídas dun faladoiro improvisado da cociña do Tropicana, o hotel onde comeza a novela de título homónimo de Cabrera Infante. Tres tristes tigres, da man da evocación melancólica das fonsagradinas Xiana Arias e o explorador de sons, Berio Molina, a lucidez somnámbula da  vivairense Olalla Cociña e o verso revelación do pastoricense Jesús Castro. Atrás, tigre! É a poesía!

 

Maite Ferreiro presenta a segunda edición da programación para público familiar e adulto Tarde e Tardiña