Infraestruturas mellora o asfaltado da rúa Amizade

Rubén Arroxo: "trátase dunha actuación moi solicitada pola veciñanza da zona, debido ao estado de desgaste que presentaba o firme da rúa"

A intervención adxudicouse por 25.407 € e ten un prazo de realización de 6 semanas

 

Infraestruturas mellora o asfaltado da rúa Amizade

Lugo, 30 de xaneiro de 2021. O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou do inicio dos traballos de mellora do asfaltado da rúa Amizade. Rubén Arroxo explicou que “nesta rúa, especialmente no lado oeste do cruce coa rúa Portugal, o estado do asfalto está moi desgastado, o que fai necesario a súa renovación e atender a unha petición moi solicitada pola veciñanza da zona, e na que tratamos de mellorar non só o estado da rúa senon a accesibilidade da mesma”.

A solución adoptada consiste na aplicación dunha nova capa de formigón vibrado de 20 cm de espesor, sobre unha capa de saburra artificial tamén de 20 cm de espesor. Para facilitar o acceso ás prazas de estacionamento, habilitarase tamén unha beirarrúa de formigón ruleteado, xunto á edificación existente. No cruce coa rúa Portugal disporase un pavimento diferenciado para facilitar a accesibilidade. Por último, renovarase a sinalización vertical e horizontal. A actuación foi adxudicada por 25.407 € e ten un prazo de realización de 6 semanas.

“Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas traballamos a diario na mellora e mantementode todos os barrios”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “estas actuacións permítennos mellorar cuestións importantes para as veciñas e veciños, como a accesibilidade ou a seguridade”.

Infraestruturas mellora o asfaltado da rúa Amizade