Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan os traballos de asfaltado da rúa Virxe da Esperanza
“Os traballos irán avanzando tendo en previsión a situación meteorolóxica para garantir a mellor calidade no asfalto”, explicou Alexandre Penas
A área de Mobilidade e Infraestruturas renovará o firme das vías que unen Montirón e o Paseo do Rato con San Fiz
Lugo, 29 de xaneiro de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron a rúa Virxe da Esperanza, onde hoxe comezaron os traballos de adecentamento das vías que unen Montirón e o Paseo do Rato con San Fiz. Alexandre Penas afirmou que “hoxe comezaron os traballos, que teñen previsto estenderse durante as vindeiras cinco semanas, sempre que a situación meteorolóxica permita realizar o asfaltado garantindo a máxima calidade no resultado final dos traballos”.
A solución adoptada pola concellería de Infraestruturas consiste na aplicación dunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, xunto co pintado da sinalización horizontal. A concellería de Infraestruturas Urbanas inviste 69.575€ nesta actuación. “Con esta intervención pretendemos solucionar desta maneira unha necesidade que a veciñanza da contorna leva moito tempo agardando e que é necesaria debido ao estado no que se atopaba esta vía”, afirmou Alexandre Penas.
O edil de Infraestruturas lembrou que “desde a concellería de Infraestruturas tentamos realizar accións nas distintas zonas da cidade de maneira continuada e planificada”, e agradeceu ás veciñas e veciños “todas as solicitudes de melloras que nos realizan, xa que nos permiten realizar esta planificación para que todo Lugo mellore de maneira uniforme”.