A área de Participación avanza na mellora dos mercados de Lugo
Hoxe completouse o procedemento de renovación do Rexistro de Vendedoras do Mercado Tradicional
Cristina López: "este rexistro permitiranos garantir o mellor servizo ás usuarias dos mercados da cidade"
Lugo, 03 de febreiro de 2021. A área de Participación vén de completar o procedemento de actualización do Rexistro de Vendedoras e Vendedores do mercado Tradicional. "Con esta actualización, desde a área de Participación podemos ofrecer o mellor servizo posíbel ás usuarias e usuarios destes mercados, garantindo que a actividade se desenvolva dun modo ordenado", explicou Cristina López.
A Xunta de Goberno Local de hoxe aprobou a relación de persoas autorizadas a vender no Mercado Tradicional para o ano 2021. "Os mercados son para nós un piar estratéxico para a economía", indicou a edil do BNG, que engadiu "o mercado tradicional é un exemplo de fonte de creación de valor engadido para as nosas produtoras e produtores".
O mercado tradicional celébrase os martes e venres de 08:30 a 14:30. No caso de que un martes ou venres sexa festivo, celebrarase o día anterior. Os produtos que se venden neste mercado son os propios da colleita, que cumpren a normativa sobre seguridade alimentaria e contan coas autorizacións en vigor.