Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitaron a rúa Alba, onde Infraestruturas está a mellorar a beirarrúa
A concellería de Infraestruturas inviste 5000 € na mellora da calidade de vida da veciñanza da zona
Alexandre Penas: "con esta actuación continuamos a mellorar a accesibilidade de maneira uniforme en todos os barrios da cidade"
Lugo, 03 de febreiro de 2021. O Tenente de Alcalde e responsábel de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, e Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas no Concello de Lugo visitaron, acompañados de veciños e veciñas da zona, a rúa Alba, onde se está a realizar unha actuación de mellora da accesibilidade na beirarrúa. Alexandre Penas explicou que “con esta actuación buscamos solucionar unha necesidade da veciñanza que leva pendente moito tempo e que vai supoñer unha mellora no día a día da veciñanza”
A concellería de Infraestruturas inviste 5000€ nesta actuación que, segundo explicou Alexandre Penas, “trátase dunha actuación necesaria que se complementará nos vindeiros meses con máis traballos na zona, para mellorar a estética e as condicións de vida da veciñanza”. O edil de Infraestruturas afirmou que “tratamos de que todas as zonas de Lugo melloren de xeito coordinado para que todas as veciñas e veciños poidan desfrutar de mellores instalacións públicas”.
Alexandre Penas afirmou que “realizamos esta actuación debido ás solicitudes que as veciñas e veciños da zona nos fixeron chegar”, e agradeceu “todas as solicitudes veciñais que nos permiten planificar as accións do goberno municipal nos distintos barrios”. O edil nacionalista explicou que “as solicitudes da veciñanza, xunto coas visitas que realizamos por toda a cidade permítennos planificar o traballo que realizamos, buscando mellorar a calidade de vida e o benestar das veciñas e veciños”.