Maite Ferreiro presenta as actividades telemáticas do Entroideando 2021
“O certame de disfraces do Entroideando 2021 non ten carácter competitivo, pretendemos fomentar a participación veciñal”, explicou Maite Ferreiro
Poderanse presentar imaxes actuais ou históricas, que participarán no sorteo de 64 vales de 60 euros para mercar nas distintas librarías de Lugo
Lugo, 01 de febreiro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o certame telemático de disfraces Entroideando 2021, co que desde a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo se pretende manter a tradición e o espírito do Entroido, debido a que este ano non se poderán realizar os tradicionais desfiles e actividades artísticas e culturais que se viñan realizando nas rúas da cidade. Maite Ferreiro anunciou que “xunto co concurso de disfraces, nos vindeiros días anunciaremos unha serie de concertos telemáticos cos que complementaremos a programación deste Entroido”.
Maite Ferreiro explicou que “o certame de disfraces Entroideando 2021 non ten carácter competitivo, senón que pretendemos fomentar o carácter lúdico do Entroido, tanto con disfraces caseiros como con disfraces máis elaborados”. A edil de Cultura afirmou que “pretendemos fomentar a participación veciñal” e engadiu “todas as persoas que participen terán as mesmas posibilidades de gañar algún dos premios”.
Para participar no certame Entroideando 2021, as persoas que o desexen deberán subir unha foto ou vídeo ás redes sociais co disfraz de Entroido do ano actual ou de anos anteriores, e etiquetar a publicación co cancelo #Entroideando. Na descripción da publicación deberá indicarse tamén o ano de realización, e nas imaxes de nova realización deberán cumprirse todas as normativas sanitarias vixentes, derivadas da crise sanitaria.
Entre todas as participantes realizarase un sorteo de 64 vales de 60€ para mercar nas distintas librarías locais. Cada persoa poderá subir todas as imaxes que desexen, mais só poderán entrar ao reparto de premios cun máximo de 3 participacións. De cara á realización do sorteo só se terán en conta as publicacións realizadas entre o 5 e o 17 de febreiro, comezando e rematando o prazo ás 14 horas de cada día.
Enterro da sardiña
A área de Cultura difundirá nas redes sociais un vídeo elaborado pola Asociación Pepe Barreiro, que resume os 20 anos de vida da asociación e as actividades realizadas.
No vídeo, as veciñas e veciños de Lugo verán imaxes das distintas conferencias organizadas pola Asociación, xunto con retrospectivas dos enterros da sardiña, ademais, inclúense imaxes que fan referencia á exposición “Asociación Pepe Barreiro, un antes e un despois”, que se situou durante o Entroido pasado na Rúa da Raíña