Infraestruturas substitúe os vehículos de traballo das brigadas municipais de sinalización e obras
Alexandre Penas destacou “o labor que realiza a brigada, que permite facer moitas actuacións pequenas que garanten o benestar da veciñanza”
Infraestruturas adquiriu dous vehículos de traballo por un importe inferior a 44.000€
Lugo, 17 de decembro de 2020. O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou da renovación dos vehículos de traballo das brigadas municipais de obras e de sinalización. “Trátase dunha acción necesaria para mellorar as condicións do persoal desta brigada, moi necesaria para a cidade debido aos traballos que realizan”, explicou Alexandre Penas.
A concellería de Infraestruturas adquiriu dous furgóns, modelos Nissan NV400 e Renault Kangoo, que supuxeron un investimento total de 43.585,13€. “Avanzamos tamén de cara á sostibilidade, xa que os novos furgóns emiten menos substancias contaminantes que os actuais vehículos, que se aproximan aos 30 anos de idade”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “a substitución tamén mellorará as condicións de traballo do persoal das brigadas, ao contar con maior espazo para a carga de material e ter elementos de seguridade cos que os vehículos actuais non contan”.
Alexandre Penas lembrou que esta renovación se complementa “co aluguer de outros dous vehículos, que realizamos coa nosa chegada ao goberno, e que se destinaron para facilitar os desprazamentos do persoal técnico aos distintos traballos”.