Instálase a polbeira elaborada por Honorio na praza da Mosqueira o día do inicio do San Froilán
Arroxo: “esta nova estatua é unha homenaxe a todas as polbeiras que cada ano se colocaban nesta zona da cidade durante o San Froilán”
O Goberno de Lugo contou coa colaboración do pintor Jorge Espiral e do escultor Honorio para a elaboración desta imaxe
Lugo, 04 de outubro de 2022. O Goberno de Lugo vén de instalar a imaxe dunha polbeira na praza da Mosqueira, coincidindo co inicio do San Froilán 2022. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, destacou que “esta intervención serve para lembrar a todas as polbeiras que se colocaban nesta zona cada feira de San Froilán”, e engadiu “esta escultura representa un anaco da historia de Lugo e unha homenaxe a todas as mulleres que realizaban este traballo”.
A imaxe da mosqueira foi realizada en colaboración cos artistas Jorge Espiral e Honorio. A imaxe está realizada en bronce, e conta cunha altura de 190cm e un peso de 150Kg. “Esta estatua mellorará a imaxe dun dos puntos máis recoñecibles da Muralla, despois do avance dado durante a peonalización, onde se renovou a vista do principal atractivo turístico de Lugo”.
Arroxo destacou que "a praza da Mosqueira é un dos puntos máis importantes á hora de organizar actividades culturais", e engadiu "durante os San Froilán, esta praza contará cun dos escenarios principais das festas, converténdose no punto onde se celebrarán gran parte das actividades, consolidando á Muralla de Lugo como un referente da cidade por todo o mundo".