CRISTINA LÓPEZ: "MÁIS DE 600 PERSOAS CHEGADAS A LUGO DESDE TODO O ESTADO POTENCIANDO A ECONOMÍA LUCENSE E A PROMOCIÓN TURÍSTICA DESESTACIONALIZADA"
O IV Campionato de Futbolín Maestros del Norte chega á Praza de Abastos

Cristina López: "Máis de 600 persoas chegadas a Lugo desde todo o estado potenciando a economía lucense e a promoción turística desestacionalizada"
A nova edición do campionato terá lugar os días 8 e 9 de febreiro
Lugo, 05 de febreiro de 2025. A concelleira de Participación, Cristina López, presentou a IV edición do torneo "Maestros del Norte", que se celebra esta fin de semana no soto da Praza de Abastos. López afirmou que "repetimos un ano máis un torneo xa consolidado no calendario estatal do futbolín e na programación da cidade de Lugo, ao mesmo tempo que continuamos a aumentar a oferta de actividades na Praza e do Mercado, achegando unha nova oferta de ocio".
O torneo achega a Lugo a un gran número de xogadores de futbolín, dado que se trata dun dos torneos máis importantes a nivel estatal. Nesta edición, cóntase con máis de 600 xogadores achegados de todos os puntos do estado, onde destacan 34 parellas asturianas, 12 vascas, 29 andaluzas ou 16 que chegarán a Lugo dende Catalunya. Haberá tamén 156 parellas chegadas desde todos os puntos de Galiza. A concelleira Cristina López afirmou que "este torneo promociona a cidade de Lugo e potencia sectores como a hostalería e o hoteleiro, ao achegar á cidade a centos de persoas chegadas desde todo o estado". López destacou que "seguimos avanzando desde a Tenencia de Alcaldía nun Lugo cun gran potencial turístico desestacionalizado"
A Asociación Lucense de Futbolín foi creada en 2018 co fin de promover e dar visibilidade a este deporte, fomentando a práctica do xogo inventado por Alexandre de Fisterra.