Ana Pontón: “A chegada do BNG ao Concello puxo a Lugo no mapa do futuro”

Ana Pontón, xunto a Olalla Rodil e Rubén Arroxo
Ana Pontón, xunto a Olalla Rodil e Rubén Arroxo

A portavoz nacional do BNG di que é o momento de que os proxectos para a cidade de Lugo pasen do papel aos feitos e aposta por unha cidade como referente en materias como a biodiversidade, desenvolvemento rural e cambio climático

Ana Pontón: “A chegada do BNG ao Concello puxo a Lugo no mapa do futuro”

Lugo, 9 de outubro.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou hoxe a cidade de Lugo coincidindo cun San Froilán atípico por causa da COVID-19 e congratulouse de que o concello apostase este ano pola “seguridade e a saúde” da cidadanía sen que se impida ter unha celebración máis moderada para darlle vida a cidade.

 

Sobre a importancia de manter a prevención por mor da pandemia, Pontón sinalou que considera un “feito escandaloso que sigan a existir contaxios nas residencias de maiores do noso país sen que o goberno tome as medidas necesarias para que se blinde a saúde e a vidas das persoas.” Pontón engadiu que seis meses despois, e vivindo entre unha pandemia, “non podemos seguir vendo a improvisación sen que a Xunta estea a actuar con contundencia.”

 

Acompañada polo tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e pola viceportavoz no Parlamento galego, Olalla Rodil, a portavoz nacional quixo destacar, nun almorzo informativo coa prensa de Lugo, que neste momento “hai que situar a Lugo no mapa tanto das inversións en infraestruturas como no mapa do futuro e que haxa unha perspectiva de cara onde ten que camiñar esta cidade e cal debe ser a implicación da Xunta.”

 

Adiantou que “nos próximos orzamentos que se están a elaborar por parte da Xunta imos defender que as cuestións que afectan a Lugo teñan a consignación suficiente como para que os proxectos pasen do papel aos feitos” e concretou proxectos como a Ronda Leste, o Cuartel de San Fernando ou o Barrio da Tinería. Tampouco esqueceu as inversións pendentes que atinxen ao Estado como o remate da autovía Lugo-Santiago e a modernización do ferrocarril. E imprescindible, concluiu, “facer unha fronte común para que tanto a autovía como o tren cheguen a Lugo.”

 

Aposta pola innovación sustentable

Pontón introduciu, na súa alocución, un elemento que considera chave para Galiza e tamén para Lugo “a innovación ten que ser un dos eixos de desenvolvemento da nosa economía, da xeración de emprego, de riqueza e de oportunidades”, e indicou que nese sentido “o Campus de Lugo conta con centros de investigación en diferentes ámbitos e hai que facer unha aposta estratéxica para situar a Lugo como referente en materia de biodiversidade, desenvolvemento rural e cambio climático”, e suxeriu que o país debera de facer un esforzo inversor en I+D+i que se duplique nos vindeiros catro anos.

Ana Pontón: “A chegada do BNG ao Concello puxo a Lugo no mapa do futuro”