“Lugo está listo para a chegada dos Reis, nunha cabalgata distinta”, afirmou Maite Ferreiro
Os espectáculos Cartas de Ilusión e Notas do Nadal comezaron hoxe nas prazas habilitadas
Lugo, 04 de xaneiro de 2021. As prazas Horta do Seminario e Augas Férreas están xa preparadas para a chegada dos Magos de Oriente que terá lugar mañá a partir das 11 horas. A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua afirmou que “a cidade de Lugo está xa preparada para unha cabalgata distinta distinta, sen carrozas nin caramelos, pero na que todas as nenas e nenos poderán saudar aos Magos dun xeito seguro”.
Os Magos chegarán na mañá do martes 5, e entre as 11 e as 14 horas recibirán ás nenas e nenos que se acheguen á praza Horta do Seminario. Na xornada da tarde, entre as 17 e as 20 horas, poderanse visitar no recinto habilitado na praza de Augas Férreas.
Na mañá de hoxe comezaron os espectáculos previos, Cartas de Ilusión e Notas de Nadal, que terán lugar hoxe e mañá en horario de 11 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20 horas pola tarde.
Cartas de ilusión, é un espectáculo de gran formato co que se recreará o lugar onde se centralizan as cartas que as nenas e nenos lucenses escriben aos Magos de Oriente. As Carteiras e Carteiros Reais son quen reciben milleiros de cartas cada ano, son quen as ordenan e clasifican para facerllas chegar aos Magos.
A praza de Augas Férreas recreará unha oficina postal máxica, enchendo de vida esta oficina que poderá ser visitada por todas as veciñas e veciños de Lugo durante os días de hoxe e de mañá, onde poderán deixar no buzón real as cartas cos seus maiores desexos.
O segundo espectáculo titúlase Notas do Nadal, e trátase dun espectáculo coa música e o baile como protagonistas que estará protagonizado por tres intérpretes e bailaríns. Tradicionalmente, a chegada dos Reis celebrábase na Galiza cantando e tocando. Grupos de mozas e mozos percorrían as aldeas con gaitas, pandeireitas e cantigas pedindo un agasallo
Neste espectáculo, situado na praza Horta do Seminario poderemos desfrutar das músicas e cantigas dos Cantos de Reis, que foron pasando de xeración a xeración durante séculos.
Mostra de arte ARTERITE
A praza Agro do Rolo acollerá entre os días 2 e 5 de xaneiro a mostra de arte ARTERITE, onde 12 artistas da nosa cidade mostrarán e venderán parte dos seus traballos nesta en horario de 11 a 14h e de 16:30 a 20h e que contará coa ambientación musical de 4 DJs. Maite Ferreiro explicou que “por medio desta iniciativa queremos apoiar ao tecido cultural amateur e abrir portas a proxectos e persoas que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características”.
A actividade terá lugar na carpa habilitada na praza Agro do Rolo e contará con medidas de control de cabida. Para o acceso á mesma será de obrigatorio cumprimento o distanciamento social e o uso de xel hidroalcohólico.