A concellería de Educación pecha a Escola Infantil Municipal Luís Soto Menor debido á aparición dun foco de COVID no persoal do centro
Felipe Rivas: "traballamos da man coas autoridades sanitarias para poder reabrir a instalación en canto sexa seguro"
O edil de Educación afirmou que “os protocolos que se están a seguir permiten afirmar que os contactos foron baixos, mais por responsabilidade procedemos ao peche da instalación”
Lugo, 25 de setembro de 2020. A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento vén de comunicar ás familias o peche da Escola Infantil Municipal Luís Soto Menor debido á aparición dun foco de COVID entre o persoal do centro. Segundo declarou o edil responsábel, Felipe Rivas, "os protocolos que están a seguir as educadoras das escolas permiten confirmar que as posibilidades de contacto coas crianzas foron moi pequenas, mais por responsabilidade decidimos proceder ao peche da instalación".
Felipe Rivas informou que "desde a confirmación do contaxio estamos a manter contacto contínuo coas autoridades sanitarias para proceder segundo as súas indicacións". Rivas manifestou a súa disposición a "colaborar coas autoridades sanitarias en todo o que sexa posíbel para poder continuar a ofertar este servizo público cando sexa seguro".
O resto de traballadoras e traballadores da escola serán sometidas a probas para descartar unha maior incidencia do virus na instalación e a edificación será sometida a unha desinfección seguindo os protocolos elaborados polo Concello de Lugo.