Maite Ferreiro presenta as actividades previas á cabalgata de Reis
Dous espectáculos relacionados cos Reis terán lugar os días 4 e 5 nas prazas Horta do Seminario e Augas Férreas
Maite Ferreiro: “todas as zonas da cidade albergan actividades de cara á chegada dos Reis”
Lugo, 02 de xaneiro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou os espectáculos previos á cabalgata de Reis, que terán lugar os vindeiros días 4 e 5 nas prazas Horta do Seminario e Augas Férreas. "Desde a área de Cultura propoñemos estas dúas actividades culturais, deseñadas para celebrar a chegada dos Magos a Lugo, e tendo en conta as restricións ditadas polas autoridades sanitarias", declarou Maite Ferreiro, que engadiu “todas as zonas da cidade albergan actividadesd e cara á chegada dos reis”.
A primeira actividade, chamada Cartas de ilusión, é un espectáculo de gran formato co que se recreará o lugar onde se centralizan as cartas que as nenas e nenos lucenses escriben aos Magos de Oriente. As Carteiras e Carteiros Reais son quen reciben milleiros de cartas cada ano, son quen as ordenan e clasifican para facerllas chegar aos Magos.
Este ano poderemos ver como traballan nunha oficina postal máxica, enchendo de vida esta oficina que poderá ser visitada por todas as veciñas e veciños de Lugo os días 4 e 5 de xaneiro para deixar no buzón real as cartas cos seus maiores desexos.
O segundo espectáculo titúlase Notas do Nadal, e trátase dun espectáculo coa música e o baile como protagonistas que estará protagonizado por tres intérpretes e bailaríns. Tradicionalmente, a chegada dos Reis celebrábase na Galiza cantando e tocando. Grupos de mozas e mozos percorrían as aldeas con gaitas, pandeireitas e cantigas pedindo un agasallo
Neste espectáculo poderemos desfrutar das músicas e cantigas dos Cantos de Reis, que foron pasando de xeración a xeración durante séculos. Desa tradición xorde Notas de Nadal para encher de cor e alegría as xornadas do 4 e 5 de xaneiro.
Mostra de arte ARTERITE
As actividades de Nadal continúan tamén na praza Agro do Rolo, que acolle entre os días 2 e 5 de xaneiro a mostra de arte ARTERITE, con 12 artistas da nosa cidade, que mostrarán e venderán parte dos seus traballos entre as 11 a 14h pola mañá e entre as 16:30 a 20h pola tarde. ARTERITE contará tamén coa ambientación musical de 4 Djs.
Maite Ferreiro explicou que "por medio desta iniciativa queremos apoiar ao tecido cultural amateur e abrir portas a proxectos e persoas que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características".
A actividade terá lugar na carpa habilitada na praza Agro do Rolo e contará con medidas de control de cabida. Para o acceso á mesma será de obrigatorio cumprimento o distanciamento social e o uso de xel hidroalcohólico.