Lugo será protagonista da Placemaking Week Europe 2022, que se celebrará en Pontevedra

Rubén Arroxo mantivo unha xuntanza coa portavoz do Goberno de Pontevedra, Anabel Gulías, para avaliar a participación de Lugo no congreso

A Placemaking Week Europe é o maior evento de Europa sobre mobilidade

Lugo presentará en setembro o proxecto de cidade posto en marcha pola área de Mobilidade nos últimos anos

Lugo será protagonista da Placemaking Week Europe 2022, que se celebrará en Pontevedra

Lugo, 18 de marzo de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza coa portavoz do Goberno de Pontevedra e concelleira de Réxime Interior, Contratación e Promoción da Cidade do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro, na que falaron sobre a participación de Lugo na Placemaking Week Europe 2022, que se celebrará en Pontevedra no mes de setembro.

“Lugo participará neste congreso de mobilidade para mostrar como estamos a facer fronte aos retos de mobilidade do presente e do futuro”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “todas as cidades están a avanzar de cara a unha mobilidade sostible, poñendo ás persoas no centro e apostando polo transporte público e os medios de transporte alternativos”.

Anabel Gulías, portavoz do goberno de Pontevedra, destacou que “de cara a este evento buscamos coñecer cidades que están a marcar un antes e un despois na transformación urbana, traballo como o que están a facer desde a área de Mobilidade do Concello de Lugo”. “Realizaremos unha actividade arredor dos procesos de transformación urbana de Lugo e traballaremos para que Lugo sexa un dos exemplos protagonistas do evento”, afirmou.

Lugo acudirá á Placemaking Week Europe 2022 para presentar o proxecto de cidade posto en marcha pola área de Mobilidade nos últimos anos.

A Placemaking Week Europe é a maior xuntanza a nivel europeo sobre urbanismo e planificación de mobilidade. Anualmente, compártense experiencias e maneiras de traballar entre as distintas cidades participantes.

A primeira edición da Placemaking Week Europe foi en 2017, en Amsterdam, e realizouse tamén en Estocolmo e Valencia. Este ano chega por primeira vez a Galiza, organizada polo Concello de Pontevedra, e reunirá a máis de 400 expertos en mobilidade.

Lugo será protagonista da Placemaking Week Europe 2022, que se celebrará en Pontevedra