Maite Ferreiro: ”no 2021 o Auditorio Municipal foi usado de media cada 2 días“
A edil de Cultura fixo balance das actividades organizadas nas instalacións xestionadas pola área de Cultura durante o 2021
As instalacións municipais acolleron 346 actividades durante todo o ano, con 38 exposicións de distintos xéneros artísticos
Lugo, 09 de febreiro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, fixo balance das actividades organizadas nas instalacións xestionadas pola área de Cultura durante o ano 2021. A concelleira de Cultura destacou que “Lugo conta cunha actividade cultural sostida no tempo na que se busca, por unha banda, achegar contidos de calidade a toda a veciñanza ao mesmo tempo que facilitamos a mostra da calidade das e dos artistas locais”.
Maite Ferreiro destacou que “o Auditorio Municipal Gustavo Freire acolleu actividades cada dous días de media, cun total de 154 actividades das cales 92 foron da programación propia da área de Cultura”. O Auditorio Municipal contou tamén con 24 actividades organizadas por productoras privadas, e durante 38 días foi utilizado por entidades ou colectivos.
Os meses de máis programación foron marzo, con 12 representacións de programación municipal, 2 representacións privadas e 3 actividades ou usos por parte de outras entidades; maio con 14 representacións da programación anual da área de Cultura e 3 actividades ou usos por parte de outras entidades e novembro con 13 actividades públicas e 15 usos por parte de outras entidades.
O Vello Cárcere acolleu durante todo o ano 83 actividades culturais, que se sumaron ás 29 exposicións que se instalaron nas distintas salas. Pola súa banda, o MIHL acolleu 40 actividades culturais e 9 exposicións, entre a que destaca a mostra “a historia de Galiza a golpe de click”, que entre os meses de xuño e outubro recibiu preto de 10.500 visitas, “superando todas as marcas do MIHL nos últimos anos”, afirmou Maite Ferreiro.