Maite Ferreiro: “agradecemos o traballo da Policía Local na defensa das liberdades lingüísticas da veciñanza de Lugo”

A concelleira responsábel de Promoción da Lingua trasladou o seu agradecemento á Policía Local pola súa actuación na noite do pasado 20 de marzo

Ferreiro: “é preocupante que se agreda a unha persoa por falar en galego”

 

Maite Ferreiro: “agradecemos o traballo da Policía Local na defensa das liberdades lingüísticas da veciñanza de Lugo”

Lugo, 21 de marzo de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, trasladou o seu agradecemento á Policía Local pola súa actuación na noite do pasado sábado 20, cando actuaron contra unha agresión galegófoba. A concelleira declarou que “é de agradecer que a Policía Local traballe en defensa das liberdades lingüísticas da veciñanza de Lugo”, e engadiu “malia que estas situacións son minoritarias, é preocupante que se chegue a agredir a unha persoa polo simple feito de falar en galego”.

“Logo de anos e anos escoitando historias sobre a imposición do galego, vemos como este discurso de odio fomentado pola extrema dereita está a producir este tipo de situacións que nos fan retroceder a outros tempos escuros para a nosa lingua”, declarou Maite Ferreiro. Para a concelleira de Cultura, “este tipo de discursos ten como finalidade manipular e enganar á veciñanza eliminando unha peza importante da nosa historia e da nosa cultura como é a lingua galega”.

Maite Ferreiro afirmou que “desde o Goberno de Lugo seguiremos traballando para fomentar o uso do galego en todos os ámbitos, e garantizar que toda a sociedade poida usar a súa lingua en liberdade”.

Maite Ferreiro: “agradecemos o traballo da Policía Local na defensa das liberdades lingüísticas da veciñanza de Lugo”