Rubén Arroxo presenta a campaña Por Lugo, vai en Bus, que busca animar á xente a usar o transporte público
A campaña busca animar á veciñanza a utilizar o bus, destacando as posibilidades do transporte público
Arroxo: “o bus urbano permite reducir as emisións contaminantes e chegar antes aos destinos, ao aforrarmos ter que buscar aparcamento”
Lugo, 22 de marzo de 2022. O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, presentou a campaña Por Lugo, vai en Bus, coa que o Goberno de Lugo pretende fomentar o uso do bus urbano entre a veciñanza. O Tenente Alcalde explicou que “con esta campaña animamos ás veciñas e veciños de Lugo a que utilice o bus, e aproveite todas as facilidades que o transporte público amosa fronte ao vehículo privado”.
“O bus urbano permite reducir as emisións contaminantes, ademais de aumentar a seguridade viaria ao ter menos vehículos circulando polas rúas, e permite chegar antes ao destino ao non termos que buscar aparcamento”, afirmou o Tenente Alcalde. A campaña Por Lugo, vai en Bus, comezará coa colocación de imaxes promocionais da campaña nos buses e nas paradas.
Rubén Arroxo destacou as distintas facilidades postas en marcha para que a veciñanza teña información sobre a situación da rede de transporte público. O portal de información en tempo real do servizo de bus urbano, urbanoslugo.com permite saber en directo canto falta para que o bus chegue á súa parada. O Servizo conta coa información en tempo real de 275 paradas, "a totalidade das paradas da zona urbana, as máis concurridas do servizo de transporte público", explicou o Tenente Alcalde.
A través desta web, as veciñas e veciños poden obter toda a información relativa ao bus urbano, como o mapa de liñas, información sobre as tarifas ou sobre a tarxeta cidadá. Rubén Arroxo destacou que "continuamos a mellorar o bus urbano de Lugo, que co novo modelo permite que practicamente toda a veciñanza de Lugo teña conexión directa co HULA ou coas áreas industriais". A web únese ás 23 pantallas colocadas nas principais pantallas
Co novo modelo de transporte público, 80.000 veciñas e veciños de Lugo contan con conexión directa co HULA, o dobre que os 40.000 do modelo anterior. O CEAO aumenta as conexións coa veciñanza do mesmo xeito, pasando de 40.000 persoas que tiñan bus para a zona industrial co antigo modelo a 70.000 co actual.