FERREIRO: "AS AXUDAS CONTRIBUIRÁN A GARANTIR QUE MOITAS NENAS E NENOS TEÑAN ACCESO AO MATERIAL NECESARIO"

Maite Ferreiro anuncia o inicio do procedemento para entregar as axudas para libros de texto e material escolar

Ferreiro: "As axudas contribuirán a garantir que moitas nenas e nenos teñan acceso ao material necesario"


As bases, que se publicaron hoxe no BOP, poden consultarse na concellería de Educación, e o prazo de solicitude estará aberto os vindeiros 15 días

Maite Ferreiro anuncia o inicio do procedemento para entregar as axudas para libros de texto e material escolar



Lugo, 18 de xuño de 2024. Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, anunciou que a concellería de Educación vén de abrir o prazo para solicitar as axudas para a compra de libros de texto e material escolar para familias con baixos recursos. "Seguimos a traballar na mellora dos tempos deste trámite, que este ano contamos con ter rematado de cara ao inicio do curso escolar", declarou Maite Ferreiro, que engadiu "desde a concellería de Educación esforzámonos en facilitar ás familias, no menor prazo de tempo posíbel, esta axuda que serve para garantir o acceso ao material a moitas nenas e nenos".

A concellería de Educación avanza no procedemento que permite ás familias con baixos recursos optar a un dos 400 cheques de 100€, ata completar un total de 40.000€ adicados a esta liña de axudas. O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar quedando este ano establecido o tope no 85% do IPREM. En total, a concellería de Educación atendeu a 723 solicitudes para estas axudas.

As bases publicáronse hoxe no BOP, o que abre o prazo de presentación de solicitudes ao longo dos próximos 15 días, a través do rexistro presencial ou telemático. "Simplificamos o máximo posible o procedemento para garantir que as axudas se poidan entregar no menor tempo posible", afirmou a concelleira.

Maite Ferreiro anuncia o inicio do procedemento para entregar as axudas para libros de texto e material escolar