Maite Ferreiro anuncia a Isaac et Nora e Fetén Fetén e María Arnal i Marcel Bagés para o San Froilán 2021
Os concertos terán lugar o xoves 7 en Santa María e o luns 11 na Horta do Seminario
Lugo, 27 de setembro de 2021. Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua anunciou o concerto de Isaac et Nora e Fetén Fetén para o xoves 7 na praza de Santa María e María Arnal i Marcel Bagés o luns 11 na Horta do Seminario. Estes dous concertos únense á lista de confirmacións do San Froilán 2021
Isaac et Nora son dous nenos franceses de 13 e 9 anos que tiveron un gran éxito nas redes sociais debido aos seus vídeos virais versionando cancións latinoamericanas desde o salón da súa casa. Os integrantes de Fetén Fetén, Jorge Arribas e Diego Galanz descubriron os concertos destes dous rapaces e realizaron a súa primeira colaboración, Solamente Tú. A mestura de ambas agrupacións tráenos unha unión de ritmos latinos con sons ibéricos de Fetén Fetén e o acento francés de Isaac et Nora. Trátase dunha oportunidade única para desfrutar deste fenómeno viral nunha colaboración con artitas que comparten o seu gusto pola música popular.
María Arnal e Marcel Bagés foron quen de conseguir uns niveis extremos de conexións coa audiencia e unha aproximación musical á memoria historica que deixou unha pegada en toda unha xeración de creadores. Tras o histórico 45 cerebros y 1 corazón, este dúo chega a Lugo co seu novo traballo, CLAMOR, un disco sobre a capacidade inesgotable para afrontar os retos dun planeta en crise.