FERREIRO: "APOSTAR POR GRUPOS CONFORMADOS POR MULLERES E CON REPRESENTACIÓN DE LINGUAS DIVERSAS É CLAVE PARA FOMENTAR A INCLUSIÓN E A DIVERSIDADE"
Maite Ferreiro anuncia a Zetak e Repion para o San Froilán 2024
A Praza de Santa María acollerá ambos concertos o venres 11 de outubro a partir das 21.00 horas
Ferreiro: "Apostar por grupos conformados por mulleres e con representación de linguas diversas é clave para fomentar a inclusión e a diversidade"
Lugo, 16 de setembro de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, vén de anunciar ao grupo vasco Zetak e ao cántabro Repion como novas confirmacións da gran festa do outono galego. Ferreiro afirmou que a aposta por agrupacións que empregan linguas propias e que están dirixidas por mulleres "son clave para fomentar a inclusión e a diversidade dentro do eido musical e social". Segundo Ferreriro, o San Froilán 2024 "conta cunha programación musical diversa para que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visiten sintan que estas festas son súas e que a nosa veciñanza se sinta orgullosa de ser de Lugo".
REPION, Venres 11 de outubro a partir das 21.00 horas na Praza de Santa María
As irmás cántabras Marina e Teresa Iñesta son un dúo de grunge pop que no 2023 publicaron o disco que revelaba todo o seu potencial tras anos funcionando coma grupo e participando ao mesmo tempo en outros proxectos (Teresa en Aiko el Grupo e Yawners, e Marina con Mikel Erentxun). Todas as ideas, a enerxía da súa música, a intensidade emocional das súas letras e a inevitable conexión coas súas oríxes, cristalizaban ao fin da forma adecuada.
Cancións como 'Brillante', 'Barrio Somavilla' ou 'En todo momento' proxectáronas coma un dos nomes do indie-rock en castelán a ter en conta neste momento e, ao mesmo tempo, coma un dos girl-group máis impactantes dos últimos anos. Definidas pola prensa española como "nuestras Sleater Kinney", gañaron tamén o respecto dun público que cae aos seus pés tras cada concerto desta máquina infalible. Nos últimos meses colaboraron en gravacións e directos de artistas como Xoel López, Nat Simons, Jimena Amarillo ou Cala Vento.
Aproveitando esta onda de esplendor creativo, Repion volveu ao estudo co fin de publicar "las canciones con mejor sonido que hemos grabado nunca". Están incluidas nun EP de catro cancións que se publicou o 29 de maio do 2024 titulado "Entre todas lo arreglamos".
ZETAK, Venres 11 de outubro a partir das 23.00 horas na Praza de Santa María
Zetak é un grupo vasco de música pop-electrónica fundado por Pello Reparaz no 2019 logo da disolución do grupo de música Vendetta (2007-2019).
No verán de 2022 acadou un grande éxito en Donosita e Bilbao. Durante a Donostia Week, 13 500 persoas déronse cita na praza Tomas Alba de Sagues e durante a Aste Nagusia de Bilbo actuaron no Arenatza. En Catalunya, Zetak é coñecido por colaborar con artistas como Oques Grasses e Suu. O 31 de xaneiro de 2024 sacaron o tema en eúscaro e galego "Anguleele", nunha colaboración co grupo galego Fillas de Cassandra. A día de hoxe contan con 3 álbums editados: ZETAK (2019), ZEINEN EDERRA IZANGO DEN (2020) e AAZTIYEN (2023).
Actualmente, contan con máis de 280 mil oíntes mensuais só en Spotify, onde algúns dos seus temas superan os 6 millóns de escoitas.