MAITE FERREIRO: "UN ANO MÁIS, PERMITIREMOS QUE OS DISTINTOS LOCAIS DE HOSTALERÍA VENDAN O POLBO NAS RÚAS DE LUGO"
O Goberno de Lugo permitirá aos locais de hostalería colocar caldeiros de polbo durante o San Froilán
Maite Ferreiro: "Un ano máis, permitiremos que os distintos locais de hostalería vendan o polbo nas rúas de Lugo"
Os locais de hostalería interesados poden presentar xa as súas solicitudes
Lugo, 14 de setembro de 2024. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, durante un encontro co presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, e o secretario Jacobo García-Bobadilla, anunciou que o Goberno de Lugo autorizará aos distintos locais de hostalería da cidade a instalación de caldeiros na rúa para vender polbo durante o San Froilán. Ferreiro explicou que "tendo en conta a boa acollida que tivo no sector da hostalería nos anos anteriores, este ano proponse continuar con esta iniciativa do 4 ó 13 de outubro".
Os locais de hostalería interesados poden presentar as súas solicitudes cumprimentando o formulario que se pode atopar na web do Concello e presentando a documentación necesaria. Unha vez aprobada a solicitude, os caldeiros poderán estar en funcionamento entre o 4 e o 13 de outubro.
Ferreiro insistiu en que "en todo momento garantirase o tránsito peonil na zona, así como os accesos ás vivendas, garaxes e locais comerciais, deixando suficiente espazo para que os peóns e usuarios circulen con seguridade". De non cumprirse a normativa, incide, a Policía Local poderá ordenar a retirada total ou parcial dos elementos que non se adapten ou dificulten o tránsito de peóns e vehículos.