Maite Ferreiro: ”desde o BNG alegrámonos de que o ciclo de panadería chegue á oferta de FP de Lugo”
O BNG propuxo no último pleno que o IES Sanxillao contase con este ciclo formativo, proposta que non contou co apoio do grupo municipal do PP
“A consellería de Educación correxiu a postura do PP de Lugo e Lugo aumentará a súa oferta formativa para o vindeiro curso”, afirmou Maite Ferreiro
Lugo, 10 de abril de 2022. A Concelleira do BNG en Lugo, Maite Ferreiro, afirmou que “é unha boa noticia que a oferta formativa de FP se amplíe co ciclo de Panadería, pastelería e confitería”. Maite Ferreiro lembrou que “desde o BNG propuxemos no pasado pleno municipal que a oferta formativa da FP na cidade se ampliara con este ciclo formativo, unha proposta que non foi apoiada polo Grupo Municipal do PP”.
A Concelleira do BNG cualificou como “unha boa nova” que o Goberno da Xunta de Galiza “corrixa ao PP de Lugo e amplíe a oferta de Formación Profesional da cidade cun ciclo que contará cunha gran demanda na cidade, ao ter xa o IES Sanxillao un importante peso na familia profesional da hostalería”.
Ciclo Medio de Panadería, Repostería e Confitería
O Ciclo Medio de Panadería, Repostería e Confitería permite ás persoas que o completan desenvolver a súa actividade profesional en obradores artesanais ou semi industriais que elaboran produtos de panadería, pastelería e confitería, así como no sector da hostalería, no subsector da restauración e como elaboradores. Tamén no sector do comercio da alimentación naqueles establecementos que elaboran e venden productos de panadería, pastelería e repostería.
O plan de formación do ciclo inclúe o estudo das materias primas e dos procesos de elaboración de pastelaería e repostería, elaboración de confitería ou operacións e control de almacén na industria alimentaria.
Ao remate do período formativo, as e os estudantes serán capaces de elaborar produtos de panadería, pastelería, repostería e confitería, elaborar postres de restauración e emplatados, compoñer, rematar e presentar os productos elaborados aplicando técnicas decorativas innovadoras, envasar, etiquetar e embalar os productos elaborados ou aprovisionar e almacenar as materias primas e auxiliares, e os productos rematados. A formación inclúe coñecementos en marketing para publicitar e promocionar os productos elaborados facendo uso de técnicas de comercialización innovadoras.
Acceso ao ciclo
En Galiza, ata este curso só se podía acceder ao ciclo nos centros públicos CIFP Paseo das Pontes, da Coruña, IES Fraga do Eume de Pontedeume, CIFP Compostela, de Compostela, IES De Vilamarín do Palacio, Ourense, CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e no CIFP Manuel Antonio de Vigo. De cara ao vindeiro curso, o IES Sanxillao unirase á oferta, completando a dispoñibilidade deste ciclo en todo o territorio galego