Maite Ferreiro: ”continuamos a traballar para promocionar Lugo como un destino turístico de calidade“
A concelleira de Cultura informou que esta mañá se procedeu á revisión e limpeza dos puntos de información turística da cidade que sufriron actos vandálicos
Ferreiro: “queremos que as persoas que se acheguen a Lugo estes días desfruten do patrimonio e da cultura”
Lugo, 12 de abril de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou dos avances realizados na limpeza dos puntos de información turística instalados no centro da cidade. A concelleira de Cultura afirmou que “desde que tivemos coñecemento deste acto, desde a área de Cultura traballamos para restablecer os puntos de información turística ao seu estado habitual”, e engadiu “a gran maioría dos puntos de información turística da cidade non sufriron ataques”.
Ferreiro explicou que “desde a área de Cultura traballamos tendo en conta que nestes días Lugo vai recibir un gran número de visitantes”, e engadiu “buscamos que as persoas que se acheguen a Lugo poidan desfrutar do patrimonio e da cultura nas rúas e nas instalacións culturais de Lugo”.
Maite Ferreiro lembrou que “desde a área de Cultura ofertamos durante toda esta semana visitas guiadas gratuítas a todas as persoas que o desexen, ademais de contar cunha ampla programación nas distintas instalacións culturais da cidade”. “Continuamos a ofertar unha programación cultural de calidade e sostida no tempo, para o desfrute das persoas que se achegan a Lugo e das veciñas e veciños”, afirmou a concelleira de Cultura.
O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá este domingo o espectáculo Sopa de Piedras, de Engruna Teatre, unha actividade para público familiar que recibiu o premio Xarxa Alcover na mostra D’Igualada 2021, foi finalista nos premios Butaca 2021 como mellor espectáculo familiar e ten a recomendación da rede vasca de teatros SAREA. A programación do Auditorio Municipal para a semana santa complétase coa programación de espectáculos por parte de promotores privados.
Ademais das visitas ás distintas salas museísticas, Porta Miñá, Casa dos Mosaicos, Centro Arqueolóxico de San Roque e Centro de Interpretación da Muralla, nestes días continúa no MIHL a exposición Así Xogabamos, mostra de xoguetes que abarca desde os anos 50 ata os nosos días, e o Vello Cárcere acolle, ademais das exposicións permanentes, O Vello Cárcere, da Guerra á Posguerra e Elas, as mostras Serie Amarilla¸ con obras de Xaime Quessada, Flores silvestres da Galiza, de Constantino González Pérez, Inocentes, de García de Marina, O Ferro e a Voz, de Joseba Gotzon e Inmersión ao interior, de Concetta Montenegro e Luísa Paz.