Maite Ferreiro: "a decisión de pechar toda a actividade non se corresponde cos datos de contaxio que nos ofrece a Xunta"
A edil de Cultura amosou a súa preocupación polas decisións tomadas nas últimas horas polo goberno galego
"Vemos como reiteradamente se criminaliza ao tecido cultural, á xuventude, á hostalería e ultimamente ás familias", afirmou a edil de cultura
Lugo, 13 de xaneiro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, amosou a súa preocupación ao respecto das novas restricións anunciadas nesta mañá polo presidente da Xunta de Galiza. Maite Ferreiro afirmou que "sería moi triste que os criterios de peche de mobilidade non se tomen unicamente segundo os datos sanitarios, e máis triste aínda que se usasen criterios políticos para tomar este tipo de decisións".
Maite Ferreiro anunciou que desde a Área de Cultura e Turismo "estudaremos como se plasman no DOG as decisións do señor Feixóo e do seu equipo". Segundo Maite Ferreiro, "a decisión de pechar indiscriminadamente toda a actividade e todas as cidades non se corresponde cos datos de contaxio que se nos ofrecen desde a propia Xunta".
"Compartimos a preocupación e a incerteza do sector da hostalería e do resto de profesionais afectadas", declarou Maite Ferreiro, que engadiu "vemos como, reiteradamente, dende a presidencia da Xunta se criminaliza ao tecido cultural, á xuventude, á hostalaría e ultimamente ás familias". "Dende o goberno municipal seguiremos en contacto cos sectores afectados e faremos seguimento das restricións que se tentan marcar dende a Xunta", sentenciou a edil de Cultura.