O BNG propón nos orzamentos da Xunta destinar 55 millóns de euros á recuperación dos sectores máis afectados pola pandemia
As deputadas do BNG por Lugo Olalla Rodil e Carme Aira presentaron as emendas da Fronte de cara aos orzamentos do goberno galego no ano 2021
Olalla Rodil afirmou que “é preciso recuperar a presencialidade na atención primaria”
Lugo, 14 de xaneiro de 2021. As deputadas do BNG no parlamento galego por Lugo, Olalla Rodil e Carme Aira, presentaron as emendas que desde a Fronte se formularán aos orzamentos da Xunta de Galiza para o 2021. Olalla Rodil cualificou o proxecto presentado polo goberno do Partido Popular como “un proxecto insuficiente para Lugo, que presenta partidas repetidas ano a ano que nunca se chegan a executar, como o plan Paradai ou a rolda Leste”. Rodil afirmou que “o desdobramento do corredor entre Nadela e Monforte volve recibir un investimento raquítico, o que demostra que completar a autovía non é unha prioridade para o goberno do Partido Popular”.
A deputada do BNG afirmou que “incorporaremos emendas a este proxecto para que a Xunta cumpra con Lugo, especialmente en materia de patrimonio, servizos públicos e axuda aos sectores máis afectados pola crise da COVID”. Olalla Rodil destacou a proposta do BNG para continuar a recuperación do barrio da Tinería, “un proxecto iniciado polo BNG cando tivo responsabilidades no goberno galego e que coa chegada do Partido Popular foi completamente abandonado”. O BNG pide destinar un millón de euros para dar continuidade ao proxecto, “concretamente, a unidade de intervención UI-7, onde se atoparon os fornos, ten un gran potencial, dado que se podería converter nun centro de investigación e nun atractivo turístico para a cidade de Lugo”, explicou Olalla Rodil, que lembrou que “neste barrio atópanse tres patrimonios da humanidade, a Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo, e ten un enorme potencial para converterse nun importante dinamizador do casco histórico”.
O BNG presentará tamén emendas encamiñadas a reforzar a sanidade pública dotándoa de máis recursos, especialmente na Atención Primaria. Olalla Rodil afirmou que “a atención primaria é a base do sistema sanitario galego, xoga un papel chave na loita contra a COVID e actualmente atópase sobrecargada”. A deputada do BNG explicou que “presentaremos emendas para investir 46 millóns de euros na recuperación da atención presencial nos centros de saúde, con todas as garantías e medidas de seguridade fronte ao coronavirus”. Ademais, desde o BNG proporase destinar 1.5 millóns de euros ao reforzo dos servizos sociocomunitairos.
A proposta do BNG inclúe tamén destinar 55 millóns de euros para o rescate dos sectores máis afectados pola pandemia, como a hostalería e as traballadoras e traballadores autónomos. “É fundamental que ao mesmo tempo que se anuncian restricións a Xunta de Galiza publique a orde de axudas dirixidas aos sectores económicos máis afectados pola pandemia”, sentenciou Olalla Rodil