Maite Ferreiro: “a imposibilidade de atopar defectos á programación cultural de Lugo levou ao Partido Popular a inventar contos”
A edil de Cultura afirmou que “Lugo fixo a mellor cabalgata posible dada a situación sanitaria”
“Gustaríanos que o PP mostrase a mesma preocupación por un sector do que viven centos de familias lucenses e que se está a ver moi afectado pola crise sanitaria”, indicou Maite Ferreiro
Lugo, 21 de xaneiro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, saíu ao paso das declaracións do Partido Popular indicando que “dende a área de Cultura buscamos programar a cultura na cidade de maneira que se garantan contidos variados, pensados para toda a veciñanza de Lugo”. Segundo Maite Ferreiro, “no Partido Popular, véndose incapaces de atopar defectos á cabalgata, que cumpriu con todas as restricións sanitarias, e que supuxo un gran esforzo organizativo para o persoal da área de Cultura”.
Maite Ferreiro afirmou que “con estas acusacións, desde o Partido Popular non fan máis que demostrar o seu descoñecemento sobre como funciona o sector cultural”, e criticou “a actitude electoralista que manteñen coa xestión cultural que realizamos desde o BNG, en vez de mostrar unha actitude de apoio a un sector que tivo que reinventar a súa maneira de traballar debido á crise sanitaria, e do cal viven centos de familias lucenses”.
A edil de Cultura lembrou que as integrantes do Grupo Municipal do Partido Popular foron convidadas a participar nas actividades de Nadal, e que estiveron presentes na propia cabalgata. “Todas as contratacións realizadas polo concello de Lugo, e en concreto pola área de Cultura, seguen a máis estrita legalidade e pasan polos procesos de fiscalización pertinentes marcados pola lexislación vixente”, sentenciou Maite Ferreiro.