Maite Ferreiro: “os servizos de Cultura, Arqueoloxía e Infraestruturas traballan coordinadamente para mellorar a estanqueidade das ventás arqueolóxicas”
A concelleira de Cultura afirmou que “estamos a estudar todas as orixes posibles das filtracións na rúa Doutor Castro”
No ano 2020 renovouse a estrutura das tres ventás arqueolóxicas
Lugo, 20 de xaneiro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, explicou os pasos dados polo goberno municipal para a solución ás filtracións nas ventás arqueolóxicas da rúa Doutor Castro. Maite Ferreiro afirmou que “desde o momento no que tivemos coñecemento desta situación, o departamentos de Arqueoloxía, dependente da área de Urbanismo, xunto coas áreas de Infraestruturas e Cultura, traballamos coordinadamente para darlle unha solución no menor tempo posible”.
Maite Ferreiro explicou que “os distintos departamentos municipais están a estudar todas as posibles orixes das filtracións e a mellor solución a adoptar para eliminalas”, e engadiu que “como medida temporal, recomendouse a colocación de elementos para recoller as filtracións, de xeito que non incidan directamente sobre os mosaicos para evitar o seu desgaste”.
No ano 2020, investíronse 12.716,72€ na renovación das estruturas metálicas, dos cristais e das xuntas das tres ventás arqueolóxicas debido ao avanzado estado de deterioro da instalación.