Maite Ferreiro inaugura no MIHL a exposición Galiza a golpe de click
A exposición consta de 5 dioramas que explican distintas etapas da historia galega
Maite Ferreiro: “é unha maneira espectacular e divertida de achegarse á nosa historia, unha actividade lúdica e formativa para toda a familia”
Lugo, 16 de xuño de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada do Tenente-Alcalde, Rubén Arroxo, inauguraron no MIHL a exposición Galiza a golpe de click, organizada por AESCLICK e a Concellería de Cultura do Concello de Lugo. Maite Ferreiro afirmou que “é unha maneira espectacular e divertida de achegarse á historia de Galiza, unha actividade lúdica e formativa para toda a familia”
A exposición poderá visitarse até mediados de setembro. No MIHL realizaranse obradoiros arredor da temática da exposición, e todas as persoas que a visiten poderán escoitar unha audioguía escaneando o código QR habilitado en cada zona.
Galiza a golpe de Click consta de 5 dioramas, un central de 20 metros cadrados e outros catro de 4 metros cadrados cada un, nos que se atopan representados distintos momentos da historia da Galiza como o xurásico e o paleolítico, a cultura castrexa, a Galiza Romana e unha representación de Galiza no ano 1.000.
Maite Ferreiro destacou “a infinidade de detalles que puxeron as integrantes de AESCLICK en cada un dos dioramas”, e destacou que “Galiza a golpe de click parte dun xoguete da infancia que nos levará a percorrer unha parte importante da historia da Galiza”