Infraestruturas acondiciona varias vías na Louzaneta
Actuouse a unión da LU-232 coa Estrada Vella de Santiago e na rúa Cotón de Arriba
En ambos viais renovouse a capa de rodadura con mestura asfáltica en quente
Lugo, 17 de xuño de 2021. Alexandre Penas anunciou que desde a concellería de Infraestruturas se actuou nos pasados días en dous viais da Louzaneta, na pista que une a estrada LU-232 coa Estrada Vella de Santiago e na rúa Cotón de Arriba. Penas explicou que “o firme de ambos viais atopábase en avanzado estado de desgaste, e na unión da Estrada Vella de Santiago coa LU-232 estaba composto na súa maior parte de terra, con zonas onde incluso chegara a crecer a herba”.
Os traballos en ambos viais consistiron na renovación da banda de rodadura aplicando mestura asfáltica en quente, o que asegurará un selado do firme ante a acción da auga superficial, e garantirá unha duración prolongada da actuación. Ademais, pintarase sinalización horizontal e renovarase a vertical nas interseccións co resto de vías.