O Vello Cárcere organiza campamentos de verán para nenas e nenos de entre 3 e 12 anos
As actividades organizaranse por quendas semanais, entre o 23 de xuño e o 3 de setembro, en horario de mañá, entre as 10:15 e as 13:45
Maite Ferreiro: "queremos ofertar unha alternativa para a conciliación na que as nenas e nenos realicen actividades de ocio, educativas e lúdicas"
Lugo, 18 de xuño de 2021. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou os campamentos de verán que terán lugar durante o verán no Vello Cárcere. Ferreiro explicou que “con esta nova actividade queremos ofrecer unha nova alternativa para facilitar a conciliación, na que as nenas e nenos poidan realizar actividades de ocio, educativas e lúdicas”.
As actividades organizaranse en quendas semanais, que terán lugar entre o 23 de xuño e o 3 de setembro, con 20 prazas cada semana. O horario de chegada será entre as 10:00 e as 10:15, hora de comezo das actividades, e a recollida, entre as 13:45, hora de remate das actividades e as 14:00.
As familias interesadas poderán solicitar praza en ata tres semanas distintas, pechándose as inscricións de cada semana o venres da semana anterior ás 11 horas. As solicitudes de inscrición deberán solicitarse no Vello Cárcere.