Maite Ferreiro: “Lugo contará cunha ampla programación cultural para celebrar o 22 aniversario da declaración da Muralla como patrimonio da humanidade”
A edil de Cultura presentou o concerto O cantar da nosa lingua, unha proposta do Coro do Hospital de Lugo baseado na historia do galego, que se realizará o día 30 ás 18:00 na Mosqueira
O concerto e outras actividades únense á iniciativa #LugoMurallaÚnica, que está a promocionar á Muralla de Lugo a nivel internacional
Lugo, 17 de novembro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou unha nova parte da “ampla programación cultural” coa que Lugo celebrará o 22 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. O Coro do Hospital de Lugo unirase á celebración co seu novo concerto O cantar da nosa lingua, que terá lugar o vindeiro día 30 a partir das 18:00 na praza da Mosqueira. “Continuamos a anunciar a programación do 22 aniversario da muralla como patrimonio da humanidade, unha programación ampla con distintas actividades arredor do noso monumento máis importante”.
“Trátase dunha proposta que explora a historia da lingua galega, desde o medievo ata a actualidade, achegando cancións dos distintos períodos“, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “o Coro do Hospital de Lugo interpretará a lírica medieval dos trovadores e neotrovadores, así como a música tradicional dos séculos escuros e as creacións dos séculos XIX e XX”.
Este concerto únese á campaña #LugoMurallaÚnica posta en marcha pola área de Cultura, “un proxecto que está a visibilizar a nosa Muralla a nivel internacional e que destaca o feito de ser a a única muralla romana do mundo que se conserva completa”, explicou Maite Ferreiro. A campaña #LugoMurallaÚnica consta de 7 entrevistas en 6 idiomas (inglés, francés, italiano, portugués, castelán e galego) que darán a coñecer distintos aspectos históricos e culturais da Muralla de Lugo dende a perspectiva de 7 persoas nacidas fóra, pero que viviron ou viven na cidade. As 7 entrevistas serán publicadas ás 22h00 todos os luns de novembro e decembro previos ao Nadal.