O BNG reclama uns servizos ferroviarios dignos cunha concentración o día 22
Arroxo: “o momento de mobilizarse é cando se están debatendo os orzamentos do estado, non despois”
A mobilización convocada polo BNG terá lugar o martes 22 ás 20:15 diante da Subdelegación de Goberno
Lugo, 16 de novembro de 2022. Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo anunciou a convocatoria dunha nova concentración para reclamar un tren digno para Lugo. Baixo o lema Lugo quere tren!. O BNG chama á veciñanza a mobilizarse “para reclamar uns servizos ferroviarios dignos para a cidade e a comarca no momento no que se están a debater os orzamentos do estado en Madrid”. O portavoz do BNG afirmou que “durante o debate dos orzamentos é cando as veciñas e veciños de Lugo nos temos que mobilizar e demostrar que precisamos un tren digno e útil”.
A concentración anunciada polo BNG terá lugar o vindeiro martes 22 de novembro a partir das 20:15 da tarde diante da Subdelegación do Goberno, coincidindo nas datas do debate dos orzamentos do estado no Congreso dos Deputados.
O BNG presentou emendas ao proxecto de orzamentos para “superar o déficit histórico en materia de infraestruturas e garantir que o Goberno do Estado cumpra os seus compromisos con Lugo.
Entre as emendas rexistradas polo deputado do BNG, Néstor Rego, destaca a referida á modernización e electrificación da liña ferroviaria Lugo-A Coruña, co fin de mellorar a mobilidade apostando por un transporte sustentábel e a conectividade do interior da Galiza coa área atlántica a través do transporte público. Así mesmo, o BNG reclama a creación dunha nova partida para posibilitar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela, enlazando as estacións de Curtis e de Ordes. "Trátase dun treito duns 27 quilómetros de vía, que permitiría conectar de maneira directa a cidade de Lugo coa capital de Galiza”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “actualmente Lugo é a única cidade do País carece desta conexión ferroviaria" .