Maite Ferreiro: “o Lugo Music Festival permítenos promocionar a cidade e achegar á veciñanza unha serie de actividades culturais de calidade”
Maite Ferreiro conversou co director Cristóbal Soler, presidente da asociación de directores de orquestra, e con Lorena Valero, de cara a comezar a traballar na organización deste evento para o ano 2023
Ferreiro: “esta cita converteu as rúas de Lugo nun escenario onde as directores e cantantes puideron mostrar o seu traballo”
Lugo, 23 de outubro de 2022. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, mantivo unha xuntanza co presidente da asociación de directores de orquestra, Cristóbal Soler, e coa mezzosoprano Lorena Valero, para avaliar o traballo realizado na edición 2022 do Lugo Music Festival e comezar a traballar nun novo encontro. Maite Ferreiro destacou esta cita “como unha gran promoción da cidade, convertendo as rúas de Lugo nun escenario importante para a formación das directoras e directores e cantantes que participan no encontro.”
Ferreiro destacou que con esta inciativa a área de Cultura e Turismo “busca achegar a Lugo un turismo de calidade, fuxindo das masificacións e apostando por unha ampla actividade cultural que poidan desfrutar tanto as veciñas e veciños de Lugo como as persoas que se achegan a pasar uns días”, e engadiu “actividades como o Lugo Music Festival permítennos cumplir este obxectivo, posicionando a Lugo como un punto importante na formación musical”.
A primeira edición do Lugo Music Festival contou coa participación de 14 directoras de orquestra e cantantes, que chegaron a Lugo procedentes de cidades galegas e do estado, ademais de participantes de outros países como Filipinas, México ou Colombia.