O Vello Cárcere acolle a mostra Fuxan os Ventos. 50 anos de historia
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro inaugurou a exposición nun acto que contou con intervencións de representantes da Xunta de Galiza e do grupo
A exposición estará no Vello Cárcere ata o 22 de xaneiro de 2023
Lugo, 22 de outubro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inaugurou esta mañá a exposición Fuxan os Ventos. 50 anos de Historia, que recolle unha ampla variedade de documentos da longa historia do grupo. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, estvo presente no acto de inauguración da Mostra, que contou tamén coas intervencións de Valentín García en representación do Consello da Cultura Galega, Sabela Fraga, comisaria da exposición e de integrantes de Fuxan os Ventos.
Maite Ferreiro afirmou que “Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nas últimas décadas”, e engadiu “para o Concello de Lugo é unha honra acoller a exposición do 50 aniversario desta agrupación despois de acoller tamén o seu nacemento no ano 1972”.
Fuxan os Ventos naceu no ano 1972 a partir da unión dun grupo de rapaces e rapazas que cantaban no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O seu primeiro nome, Folk72, foi deixado de lado despois de gañar o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os Ventos.
Entre o ano 1976 e o 2009 lanzaron un total de 10 álbums, Fuxan os ventos (1976), O tequeletequele (1977), Galicia canta ó neno (1978), Sementeira (1978), Quen a soubera cantar (1981), Noutrora (1984), O Mellor (1987), Sempre máis e mellor (1999), Na memoria dos tempos (2002) e Terra de soños (2009).
A agrupación chegou a ter máis de 30 integrantes, estando formada actualmente por Antón Castro á zanfona, mandolina e voz, Xosé Vázquez á percusión e voz, Pedro Lucas na gaita, frautas e voz, Xoán Fuentes Saavedra no violín, guitarra, bouzuki e voz, Moncho Díaz na guitarra, frautas e voz, ademais das voces de Carmen Vázquez, Tareixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández. Entre os seus antigos membros destacan Xosé Luís Rivas, Mini, e Baldomero Iglesias, Mero.
Fuxan os Ventos tivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, chegando a toda a sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas das galegas e galegos, apostando tamén pola lingua galega .