FERREIRO ANIMOU A PARTICIPAR NAS MOBILIZACIÓNS DO 8 DE MARZO PARA DEFENDER E AVANZAR NOS DEREITOS CONQUISTADOS EN MATERIA FEMINISTA FRONTE AOS DISCURSOS QUE NEGAN O MACHISMO
Maite Ferreiro: "O PP reclama dereitos para as mulleres o 8 de marzo e pacta recortes de dereitos onde goberna coa extrema dereita"
A edil o BNG criticou que o PP "só se lembre da igualdade nas datas destacadas para a loita feminista, a pelexa pola igualdade realízase todos os días do ano"
Ferreiro animou a participar nas mobilizacións do 8 de marzo para defender e avanzar nos dereitos conquistados en materia feminista fronte aos discursos que negan o machismo
Lugo, 07 de marzo de 2024. Maite Ferreiro, concelleira do BNG en Lugo, afirmou que o PP "só lembra os dereitos das mulleres no 8 de marzo, o resto do ano recortan dereitos onde gobernan da man da extrema dereita". A concelleira do BNG destacou que "para o PP a loita feminista ten dous modelos, reclamar servizos nas administracións onde non gobernan e bloquear dereitos onde gobernan, co apoio das formacións da extrema dereita". "Podemos atopar noticias de diferentes lugares do estado onde o PP ao chegar ao goberno eliminou as partidas orzamentarias e deixou de traballar en políticas de igualdade, contra a violencia machista ou polos dereitos das persoas LGBT", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "nós seguiremos traballando pola igualdade todos os días do ano, o Partido Popular utilízaa como un instrumento para crear un ambiente de crispación".
O BNG chama a mobilizarse este 8M para defender e avanzar con firmeza nos dereitos conquistados en materia feminista fronte aos crecentes discursos que negan a violencia machista, o cuestionamiento dos dereitos sexuais e reprodutivos, a vixencia da discriminación laboral e da fenda salarial e a normalización de que os coidados sigan recaendo nas mulleres.
O BNG propón incrementar o orzamento da Xunta contra a violencia machista até o 1% do presuposto total, así como outras medidas como realizar unha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas para rematar coa discriminación e a fenda salarial, apostar pola igualdade no ensino recuperando a oferta nesta materia eliminada no presente curso e o impulso da Lei de Igualdade no Deporte.
Na cidade de Lugo terán lugar dúas mobilizacións na xornada do 8 de marzo. Pola mañá, ás 11:30 convocada pola CIG, e pola tarde, ás 20:00 convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, ambas diante do edificio da Xunta de Galiza na Ronda da Muralla.