Maite Ferreiro presenta o Lugo Music Festival, o primeiro encontro multidisciplinar de eventos musicais que acolle a cidade de Lugo
Entre o 21 e o 28 de agosto, as rúas de Lugo acollerán concertos cunha gran variedade de estilos
Ao mesmo tempo, celebrarase un campus-concurso de dirección e canto a cargo do director de orquestra Cristóbal Soler e da mezzosoprano Lorena Valero
A área de Cultura colabora coa asociación Músico Crisanto na organización das actividades
Lugo, 18 de agosto de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a primeira edición do Lugo Music Fest, unha proposta novidosa organizada polo Goberno de Lugo en colaboración coa asociación Músico Crisanto que encherá de música as rúas de Lugo entre o 21 e o 28 de agosto. O festival acollerá ao mesmo tempo o I campus-concurso de dirección e canto, unha mostra que achegará a Lugo a unha serie de directoras e directores de orquestra e cantantes líricos e modernos, para participar en formacións da man do director da orquestra do Teatro Real, Cristóbal Soler, e da mezzosoprano Lorena Valero
A primeira edición do Lugo Music festival propón 14 actividades abertas ao público xeral, con concertos, conferencias e ensaios abertos de distintas agrupacións musicais, que servirán tamén para mostrar o traballo realizado polas cantantes e directoras e directores asistentes ao campus.
O campus, na categoría de dirección musical, permitirá ás participantes desenvolver a súas competencias como directores e directoras de agrupacións musicais, mellorando as ferramentas xestuais e técnicas das participantes e mellorando a relación orgánica entre a agrupación e a dirección. Para isto, achegarase formación en eidos como a posición corporal, o tempo, as dinámicas de traballo ou a independencia xestual.
Na categoría de canto, búscase transmitir a importancia do coñecemento propio para sacar o maior proveito á voz das persoas participantes. Organizaranse clases individuais e personalizadas para desenvolver as calidades segundo as necesidades de cada unha das participantes, afondando na preparación de castings, concursos e audicións achegando coñecemento detallado sobre todos os protocolos a seguir.
Cada unha das modalidades do campus escollerá a unha persoa gañadora de distintos premios relacionados coa formación musical. Na cateogoría Dirección, a persoa escollida poderá participar como director/a musical asistente nunha das produccións da II Edición do Festival de Ópera Culler Arts, ademais de obter unha bolsa para asistir a unha masterclass de dirección a cargo do CSM de Galiza para o curso 2022-23. No Canto Lírico, a gañadora participará nunha das produccións do II Festival de Ópera Culler Arts,e poderán asistir a unha masterclass de dirección a cargo do CSM de Galiza para o curso 2022-23. Por último, a gañadora da categoría Canto Moderno poderá participar nun curso do Spai Summer Performance Program do Berklee College of Music no ano 2023. As tres persoas gañadoras recibirán un vale de 500€ para adquirir material musical.
Cristóbal Soler, presidente da Asociación Española de Directores de Orquestra e director das orquestras do Teatro Real, Orquestra de RTVE e Orquestra Nacional de España. É considerado un dos directores máis importantes da súa xeración, e conta cunha traxectoria en constante ascenso. Soler formouse en Viena estudando o repertorio centroeuropeo dos séculos XIX e XX da man de grandes directores como Nikolaus Harnoncourt, Wolfang Wawallisch, George Prêtre, Vladimir Fedoseyev ou Mariss Jansons.
A mezzosoprano Lorena Valero destaca pola súa elevada técnica vogal. Perfeccionou a súa formación artística en Viena tras obter o título profesional de canto no Conservatorio Superior do Liceo de Barcelona. Destacan as súas interpretacións de Santuzza de Cavalleria Rusticana, na Opéra -Théâtre Metz Métropole; Elena de Mefistofele no Théâtre du Passage Neuchâtel e no Théâtre Equilibre de Fribourg, Suiza; Aida no Festival im Berg de Salzburgo; Suzuki, de Madame Butterfly, no Teatro Cilea de Reggio di Calabria, entre outras.
Programación I Lugo Music Festival
Domingo 21
18:00 na Mosqueira – concerto introdutorio de músicas populares con Banda Sinfónica.
Luns 22
12:00 no HULA – concerto para neonatos a cargo da soprano Lorena Valero.
Martes 23
10:00 na pérgola do parque de Rosalía de Castro – sesión aberta de meditación para músicos e público xeral.
20:30 no Patio do Vello Cárcere – concerto “Xuventude Creativa”, con pezas para solista de piano (Bach, Weber, Piazolla...).
Mércores 24
16:00 no Centro Municipal Uxío Novoneyra – conferencia “A acústica dos espazos escénicos e o seu efecto na interpretación musical”.
18:00 na praza Anxo Fernández Gómez – ensaio aberto con Big Band.
20:30 na praza Anxo Fernández Gómez – concerto de jazz con Big Band.
Xoves 25
12:30 na rúa Quiroga Ballesteros – ensaio aberto con Ensemble de Ventos.
20:30 na praza Anxo Fernández Gómez – presentación da instalación sonora “Humanless Trío” e concerto con Ensemble de Ventos (Bizet, Chapí...).
Venres 26
20:30 na praza Anxo Fernández Gómez – concerto de voz e grupo de cámara “arias do Barroco”.
Sábado 27
18:00 na rúa Quiroga Ballesteros – ensaio aberto con Banda Sinfónica.
Domingo 28
18:00 na praza Anxo Fernández Gómez – concerto con Ensemble de Ventos e Banda Sinfónica e final do I Campus-Concurso de Dirección Musical.