Lugo lembra a todas as persoas represaliadas polo franquismo no 80 aniversario da celebración do Día da Galiza Mártir
Maite Ferreiro, concelleira de Cultura: “continuamos a manter viva a memoria das persoas que foron asasinadas por defender os seus dereitos”
Efrén Castro, deputado de Memoria Histórica: “as institucións temos o deber de lembrar a todas as mártires da liberdade da historia do noso pobo”
O Concello de Lugo acordou institucionalizar o día da Galiza Mártir en febreiro de 2020
Lugo, 17 de agosto de 2021. Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, realizou a homenaxe institucional a todas as persoas represaliadas polo franquismo organizada polo concello e a deputación de Lugo polo día da Galiza Mártir. No acto, que tivo lugar no Vello Cárcere, Maite Ferreiro destacou o compromiso do Goberno de Lugo para "continuar a manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais". Durante o acto, Maite Ferreiro leu o manifesto elaborado pola fundación Alexandre Bóveda para o día da Galiza Mártir de 2022.
O deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, lembrou que este ano se cumplen 80 anos da instauración do Día da Galiza Mártir, e destacou que Alexandre Bóveda “é un símbolo de todas as persoas que loitaron contra o réxime fascista”, e engadiu "as institucións públicas debemos honrar a todas as persoas mártires da liberdade na historia do pobo galego".
Con esta acción desde o Concello e a Deputación de Lugo preténdese dar un paso máis na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, quen foi vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra, e de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica e democrática do pobo galego.
O Concello de Lugo acordou institucionalizar a celebración do Día da Galiza Mártir en febreiro do ano 2020, e desde a área de Cultura realizouse a primeira homenaxe o 17 de agosto nese ano.
A área de Memoria Histórica da Deputación de Lugo, creada de forma específica en 2019, comezou a promover a celebración institucional desta data no ano 2020, cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, en Sarria, a carón da placa que lembra ás vitimas do franquismo na comarca. Nese mesmo ano, retiráronse dos corredores do Pazo de San Marcos os cadros dos presidentes da Deputación de Lugo durante a ditadura.
Día da Galiza Martir
A primeira vez que os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidas xurídica e politicamente foi dentro do marco constitucional da IIª República Española, coa abrumadora maioría social que permitiu plebiscitar o Estatuto de Autonomía galego o 28 de Xuño de 1936.
Poucas semanas máis tarde produciuse a sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado Español, instigada e apoiada por sectores reaccionarios e organizacións políticas paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime constitucional da IIª República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas celebradas en Febreiro do mesmo ano de 1936, gañadas polo Frente Popular.
Logo desta sublevación anticonstitucional e antidemocrática, milleiros de persoas, foron asasinadas sen xuízo previo ou executadas por sentenzas de tribunais títeres das forzas sublevadas. Outras formaron parte da resistencia armada na guerrilla antifranquista, outras persoas foron para o exilio, onde seguiron loitando polo restablecemento das liberdades individuais e colectivas do pobo galego e pola reconstitución dun réxime democrático en Galiza e no Estado Español.
Castelao, figura emblemática para todas as persoas que seguiron a loitar por esa causa no exilio até a súa morte, inmortalizou simbolicamente no seu álbum "Galicia Mártir" a todas as vítimas da represión fascista en Galiza durante a Guerra de España. A máis representativa delas á súa vez, a quen Castelao adicou o seu testamento político, o libro "Sempre en Galiza", e máis a quen el ergueu á categoría de símbolo de todas no seu discurso "Alba de Gloria", foi Alexandre Bóveda Iglesias, dirixente do Partido Galeguista, vítima dun proceso irrisorio e aldraxante en Pontevedra e fusilado na Caeira (Poio) o 17 de Agosto de 1936.
Manifesto día da Galiza Mártir 2022
Hoxe, amigas e amigos, na vontade de afirmación, eiquí estamos neste día nacional de nós,no universo de Galiza, polas nosas e os nosos mártires, na lexítima presenza representativa, da figura irrenunciable de Alexandre Bóveda.
E así el egrexio representante de todas e todos,
firmeza intelectual,
referente de inocencia,
galego de valentía irrenunciable,
del diremos …
que non bastan as palabras para determinalo na súa valencia nacional.
Pois Alexandre Bóveda,..
constitúe vivencia e idea de Galiza,
nome propio da Patria,
exemplariedade da Fratria,
amoroso corazón da Matria,
esencia pura e limpa da Nación,
enérxica identidade do Pobo.
Dicimos pois…dignidade.
Por iso hoxe en Alexandre, mártir…
queremos beber da verdade da xustiza
e así lelo no facer responsable das súas obras e no dos seus proxectos.
E así que nos presidas,
pois en ti…
concretízase a memoria colectiva dos e das nosas mártires
Memoria que se figura na estrela de liberdade que aluma os alborexares dos nosos días no camiñar e na obra común continuada para a nosa determinación en firme soberanía nacional.
Que por iso Alexandre te asasinaron.
Que por iso Alexandre te fusilaron.
E seguen a facelo en cada evocación túa do noso pobo.
E queren facelo públicamente negándote e silenciándote.
E queren facelo tirándote a poder ser na campa dos sen nome,
Na campa do olvido.
Pero a historia e os feitos velos aí están…
non o conseguiron
non o conseguen
non o conseguirán,
pois da man deste pobo,
arredor dos nosos e das nosas mártires,
as utopías e as ensoñacións…son posibles e realizables,
E por iso aquí estamos, si, no proceso da Galiza posible,
na Galiza equilibrada, que o será, en quente,
rebelde e aloitadora,
pois…
pódese falar de paz sen reconciliación e sen xustiza?
pódese levar a vida nos silencios?
pódese perdoar a quen nunca pediron perdón, nin se arrepentiron?
pódese respectar a quen fachendean de vitorias e rendicións?
pódese perdoar a quen decide a dimensión das nosas vidas e nolas rouban?
Para que nos pechen as feridas temos que nos estar quietos?
Que ben estarían quen defenden, lexislan e promoven, silencios e olvidos, si,
os e as que queren borrar quen fomos,
o que padecemos,
o que queremos ser…
Que ben estarían.
Que por iso queren borrar a nosa identidade, negala,
Queren levar por diante ás nosas e aos noso mártires.
Queren levar por diante a nosa memoria.
Queren levar por diante a Alexandre Bóveda
Pero nós…
Non desmaiamos,
Non dimitimos
Non desertamos,
Sabemos que hai moito que facer,
Que hai moito que restaurar.
Sabemos tamén que vivimos nun estado de orde público,
de sítio…
nunha democracia pactada.
Por iso e máis…
Reforzaremos a presenza dos nosos e das nosas mártires,
as súas vidas, pensamentos, obras e sufrimentos.
Elas e eles son eficacias de cada día.
Reforzaremos pois a Alexandre Bóveda.
El…
encarna a grandeza da humildade do orgullo de sermos galegas e galegos.
Roubáronlle a vida, asasinárono…
sempre se mantivo na dignidade militante en Galiza.
El fíxoo…
e nos debemos facelo…
militantes en Galiza,
na lealdade á esta Terra,
pola soberanía deste Pobo noso do Galego.
Do 16 para o 17 de agosto de MMXXII.
David Otero/ Fundación Alexandre Bóveda