RUBÉN ARROXO DESTACOU QUE A ÁREA DE MOBILIDADE SEGUIRÁ "ANIMANDO Á VECIÑANZA A UTILIZAR O BUS URBANO NOS SEUS DESPRAZAMENTOS"

O bus urbano completa un primeiro trimestre de récor arrancando o 2025 co mellor rexistro histórico de usuarios


Rubén Arroxo destacou que a área de Mobilidade seguirá "animando á veciñanza a utilizar o bus urbano nos seus desprazamentos"

Con 191.622 viaxeiros, marzo de 2025 convértese no mellor mes de marzo do rexistro, e o primeiro trimestre do ano pecha cun máximo histórico de 564.440 billetes

O bus urbano completa un primeiro trimestre de récor arrancando o 2025 co mellor rexistro histórico de usuarios



Lugo, 05 de abril de 2025. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo e concelleiro responsábel do transporte público, deu conta dos datos de usuarios no Bus Urbano no primeiro trimestre de 2025, uns datos que superan a mellor marca rexistrada desde que o Concello de Lugo garda rexistro de usuarios. Marzo de 2025 pechou cun total de 191.622 billetes expedidos, o que da un total de 564.440 billetes expedidos neste primeiro trimestre, superando en 25.001 billetes a mellor marca histórica, a rexistrada no mesmo período do ano 2024.

Con estes novos datos, o bus urbano continúa a demostrar que é xa "o medio de transporte principal da maior parte da veciñanza de Lugo", dixo Rubén Arroxo, que engadiu "tras a recuperación da pandemia e a adaptación da veciñanza a un modelo de liñas que conectan a preto do 90% das persoas de Lugo, o bus está a demostrar que é a mellor maneira de moverse por Lugo".

A área de mobilidade continúa a traballar na promoción do bus urbano entre a veciñanza como "un transporte económico que facilita as viaxes, ao non ter que preocuparse de buscar espazo para aparcar", segundo explicou o Tenente Alcalde. Ademais, o bus urbano de Lugo é o máis barato de Galiza e o terceiro máis barato do estado, cun prezo de 0,64€ o billete ordinario (0,45€ usando a tarxeta cidadá), e 0,31€  no caso do transporte bonificado para as persoas con mobilidade reducida,  pensionistas, desempregadas ou estudantes. Ademais, todas as persoas que utilizan a Tarxeta Cidadá gozan de transbordos gratuítos para os seus desprazamentos.

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

O bus urbano completa un primeiro trimestre de récor arrancando o 2025 co mellor rexistro histórico de usuarios