Maite Ferreiro presenta a programación do Vello Cárcere para o 2021
Maite Ferreiro “este espazo cultural será un lugar de encontro para a reflexión e a pedagoxía”
A programación contará con exposicións sobre feminismo, a memoria histórica e a xestión cultural e patrimonial
Lugo, 04 de decembro de 2020. A concelleira da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a programación do vindeiro 2021 para o Vello Cárcere.
Cunha oferta ampla de exposicións, proxeccións e visitas guiadas, Maite Ferreiro sinalou que a organización deste novo ciclo fíxose para que “este espazo cultural sexa un lugar de encontro para a reflexión e a pedagoxía en varios eidos temáticos: o feminismo, a banda deseñada, a xestión cultural e patrimonial , e finalmente, a memoria histórica”
A parte da exposición permanente, o Vello Cárcere acollerá exposicións como: Mulleres creadoras, unha mostra na que aprenderemos das mulleres que foron silenciadas en diferentes eidos como a filosofía ou a literatura ou Bibliotecas humanas, un faladoiro sobre a experiencia vital relacionada con temas de actualidade social na que se convidará a unha persoa relevante. Tamén o público máis miúdo contará con actividades, nas que se desenvolveran obradoiros de contacontos, manualidades e escritura.
Por mor das novas medidas de seguridade que nos esixe a COVID-19, a concelleira destacou que “as actividades contarán restricións de aforo e será preciso reservar praza para poder participar” sinalou a edil de Cultura Maite Ferreiro.
Para poder participar nas actividades haberá que pórse en contacto co Vello Cárcere. As actividades contarán con todos os protocolos de seguridade e limpeza, amosando unha vez máis que a Cultura é segura.