Maite Ferreiro preside a xuntanza do xurado do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole

Maite despacho
Maite Ferreiro

A viguesa María Dolores Araújo resultou gañadora do certame coa obra Imaxes Roubadas

O xurado destacou “a linguaxe suxestiva que axuda a organizar o relato, que flúe e en ocasións remata de xeito sorprendente”

Maite Ferreiro preside a xuntanza do xurado do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole

Lugo, 30 de marzo de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu a xuntanza do xurado do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza.  Maite Ferreiro destacou este certame como "unha cita consolidada xa no calendario cultual galego, co que anualmente descubrimos novas historias de gran calidade".  A obra Imaxes Roubadas, da viguesa María Dolores Araújo, foi a escollida polo xurado nesta edición, que recibirá un premio de 4.000€ e a obra será publicada por Edicións Xerais de Galiza

O xurado contou con Antía Yañez, Rocío Leira e María Xosefa Senín.

Antía Yañez é enxeñeira de Camiños, escritora e docente, en representación de Edicións Xerais de Galiza. Entre a súa obra destacan Plan de rescate, O Misterio de Portomarín, Senlleiras, O misterio do torque de Burela ou Be water. 

A gañadora do certame no na XXI edición, Rocío Leira, é licenciada en matemáticas e directora dun centro de formación para universitarios en Compostela. Coa súa obra Afogada gañou o certame na edición XXI. É autora tamén, entre outras obras, de Universo Pitágoras, O becho que quería comer á avoa, Trescatorcedezaseis, Obituario ou Inem.

María Xosefa Senín é licenciada en Xeografía e Historia, docente e tradutora ao galego de varias obras infantís. Formou parte do equipo de tradución de Don Quixote, coordinado por Valentín Arias.

A obra Imaxes roubadas destacou sobre as demais, a xuízo das integrantes do xurado, porque nos descobre un mundo literario paralelo ao artístico. Preséntanos vinte e nove historias ateigadas de sensibilidade e tenrura, cunha linguaxe suxestiva que axuda a organizar o relato, que flúe e en ocasións remata de xeito sorprendente. A diversidade está presente nos seus temas: a soidade, a incomprensión, a sororidade, o amor, o erotismo, o rexeitamento da misoxinia, a denuncia da miseria... O xurado valora positivamente que de once obras de arte do século XX, seis estean realizadas por mulleres, sen esquecer o protagonismo feminino na maioría de relatos. Ademais, a presenza da arte galega é salientable. En resumo: un monllo de relatos para ler, reflexionar e desfrutar, coa literatura ao servizo do sentimento e poucas palabras para transmitir profundas emocións.

Maite Ferreiro preside a xuntanza do xurado do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole