Maite Ferreiro visita a exposición itinerante O coñecemento no Camiño, xunto coa organización e patrocinadores
A exposición foi realizada pola Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago, e pode visitarse no Vello Cárcere
Maite Ferreiro agradeceu ás asociacións organizadoras "que escollera unha ubicación tan singular como o Vello Cárcere para esta exposición"
Lugo, 29 de marzo de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou o Vello Cárcere hoxe, xunto con integrantes da Asociación de Prensa Lugo e Elena Rodríguez Ferreiro, directora de negocio de Caixabank en Lugo, Santiago Durán, director da oficina de Caixabank da Praza de Ferrol, José Manuel López, delegado de voluntariado de Caixabank en Galiza, Vicente García, responsábel de Institucións de Caixabank en Galiza e María Jesús García, do departamento institucional de Caixabank.
Na visita coñeceron os distintos espazos do Vello Cárcere e visitaron a exposición O coñecemento no Camiño, organizada pola Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago. A exposición está formada por 9 tótems triangulares, de 0.9x2 metros, nos que se aborda a orixe do Camiño, a Vía Láctea e a Migración das ocas, a primeira Banca Mundial, a enxeñaría medieval, os distintos tipos de refuxios da época, os lugares máxicos e lendas, o mapa segredo do taboleiro do xogo da oca, a mitoloxía do Camiño e as curiosidades máis interesantes da Ruta Xacobea. Ademais, as paredes do Vello Cárcere mostran unha selección de 30 imaxes dos fotógrafos navarros Villar López e Pablo Lasaosa.
A exposición itinerante chega a Lugo despois de pasar por Pamplona e o Bierzo, e poderá visitarse no Vello Cárcere. A Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago está a levar esta exposición polas cidades do Camiño Francés.
Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago
Fundouse en marzo do ano 2012, na Rioxa, e na actualidade está composta polas asociacións de xornalistas de Aragón, Burgos, A Rioxa, León, Navarra, Palencia e Compostela. Baixo o lema Por(x) el conocimento, MÁS(+) periodismo, reivindican o xornalismo de calidade, rigor e obxectividade.