Maite Ferreiro recibe a Alba Bueno, deseñadora do cartaz do San Froilán Miúdo
Alba Bueno foi escollida entre 40 propostas coa súa obra A saia da Dulcinea ten o San Froilán pintado
Maite Ferreiro entregoulle o premio do concurso, que consiste en 300€ en material de debuxo e pintura
Lugo, 24 de xuño de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto co edil de Educación, Felipe Rivas, recibiron no concello á lucense Alba Bueno, que foi escollida gañadora do certame de debuxo do San Froilán Miudo, coa súa obra A saia da Dulcinea ten o San Froilán pintado. Maite Ferreiro entregoulle un paquete de material de debuxo e pintura, valorado en 300€.
O xurado formado por Aurelia Balseiro, Esther Muñoz e Begoña Pérez escolleu o deseño de Alba Bueno entre un total de 40 propostas presentadas. O debuxo gañador, pintado sobre un soporte de 50x70 cm, está baseado no xigante de Dulcinea, que en distintos petos mostra escenas habituais do San Froilán.
Sobre a edición 2021 do San Froilán, Maite Ferreiro declarou que “estamos a traballar para facer o mellor San Froilán posible, co formato que se poida realizar en outubro segundo as restriccións que estén vixentes no momento”.