Maite Ferreiro e Rubén Arroxo mantiveron un encontro cun grupo de estudantes do Colexio das Gándaras que visitaron a Biblioteca Municipal
A concelleira de Cultura presentou as actividades de Animación á Lectura da Biblioteca para o segundo trimestre de 2022
Maite Ferreiro: “con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos”
Lugo, 21 de abril de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua Maite Ferreiro, mantiveron un encontro cun grupo de estudantes do Colexio das Gándaras, que se desprazaron ata a Biblioteca Municipal Isidro Novo para coñecer as instalacións e o funcionamento da mesma. Maite Ferreiro animou ás rapazas e rapaces “a acudir á biblioteca e introducirse no mundo da lectura”, e destacou que “a biblioteca de Lugo conta cun fondo bibliográfico amplo, que se actualiza constantemente con obras para todos os públicos e gustos”.
Pola súa banda, o Tenente Alcalde explicou o funcionamento do bus urbano, medio de transporte que utilizaron desde o colexio para desprazarse ata a Biblioteca Municipal. "Queremos que a xente aposte polo bus urbano porque reducindo tráfico na cidade avanzamos nunha cidade sostible cunha mobilidade alternativa e ecolóxica", declarou Arroxo, que engadiu "apostamos porque as nenas e nenos coñezan e utilicen o bus urbano como medio de transporte habitual".
Actividades de Animación á Lectura
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. "Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero", explicou Maite Ferreiro.
"Do mesmo xeito que nas últimas edición, realizaremos as actividades nas instalacións do MIHL, para continuar a promocionar esta instalación e a súa singularidade", explicou a edil de Cultura, que engadiu "para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es". As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.
O ciclo conta cun total de catro actividades, que se entre o 12 de maio e 9 de xuño. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.
Xoves, 12 de maio ás 18:30 horas
CRISTINA COLLAZO
“Procúra-se Pepa a Loba”
Idades: a partir de 5 anos
Duración: 50 minutos
A lexendaria bandoleira Pepa a Loba chega ata un refuxio onde pode acubillarse: a taberna da que tanto lle falara a súa nai. Decide poñela de novo en fucionamento coa axuda da súa inseparable gavela. Unha aventura chea de música, títeres e intrigantes historias.
Xoves, 26 de maio ás 18.30 horas
BRAIS DAS HORTAS
“Consertasso na Horta”
Idades: a partir de 3 anos
Duración: 60 minutos
Na horta de Brais das Hortas hai conserto. Mellor dito: consertasso!
Todo da casa: grelos e temassos, cun equilibrio variado de formas e estilos, como debe ser nun ecosistema musical diverso e saudable! Música e humor para toda a familia.
Xoves, 2 de xuño ás 18:30 horas
OS MONICREQUES DE KUKAS
“Xan Perillán e a maleta máxica”
Idades: a partir de 3 anos
Duración: 60 minutos
Xan Perillán é un home con sorte... tocoulle unha viaxe a Pernambuco...! Comeza a preparar a súa maxica maleta pero, onde queda Pernambuco? Cun pouco de maxia e a axuda dos nenos e as nenas, seguro que o averiguará.
Xoves, 9 de xuño ás 18:30 horas
CAXOTO
“Miña terra, meu lar (contos ambientais)”
Idades: a partir de 4 anos
Duración: 60 minutos.
Recibimos a visita dun experto en xestión de residuos: un barrendeiro municipal. Un traballo que non é nada rutinario nin aburrido, xa que as beirarrúas están cheas de sorpresas e aventuras. A través das súas experiencias aprenderemos as claves para protexer o noso medio ambiente mentres nos botamos unhas risas.