Maite Ferreiro e Rubén Arroxo presentan a exposición Así xogabamos
Maite Ferreiro: “trátase dun percorrido por unha parte da nosa historia máis recente, unha exposición para toda a familia para compartir lembranzas da infancia e ver como mudan os tempos”
A exposición abrirá as súas portas o vindeiro sábado, 5 de febreiro, con 6 obradoiros para nenas e nenos de 5 a 12 anos
Lugo, 02 de febreiro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreio, xunto co Tenente Alcalde, Rubén Arroxo presentaron a exposición Así Xogabamos, organizada pola área de Cultura en colaboración coa asociación Tebuki Toy, que se poderá visitar no MIHL a partir do vindeiro sábado. Ferreiro explicou que “essta exposición é un percorrido por unha parte da nosa historia máis recente, na que toda a familia poderá compartir lembranzas da infancia e ver como mudan os tempos a través dos xoguetes que desfrutamos en cada xeración”.
A exposición Así xogabamos abrirá as súas portas o vindeiro sábado, 5 de febreiro, a partir das 11 horas. A fin de semana do 5 e 6 de febreiro, as e os integrantes de Tebuki Toy organizarán distintos obradoiros no MIHL, para nenas e nenos de 4 a 7 e de 8 a 12 anos. Os obradoiros terán lugar o sábado 5 de 11 a 12 e de 12:30 a 13:30, e o domingo 6 de 11 a 12 horas.
Maite Ferreiro explicou que “estamos ante unha exposición que pretende crear un punto de encontro entre distintas xeracións, un espazo no que lembrar e aprender”, e engadiu “continuamos a achegar propostas novidosas e alternativas ao MIHL, continuando co éxito do ano pasado, onde se superaron todos os rexistros de visitantes dos últimos anos”.
A exposición poderá visitarse entre o 5 de febreiro e o 28 de maio, nos horarios de apertura do MIHL, de martes a venres de 10 a 13:30 e de 16 a 19:30, sábados, domingos e festivos de 10 a 14 e de 16:30 a 19:30, e durante a semana santa de 10 a 14h e de 16:30 a 20:30. O día internacional dos museos, 18 de maio, o MIHL abrirá en horario ininterrumpido dende as 10 ata as 20 horas.