Maite Ferreiro e Rubén Arroxo reciben aos lucenses Xurxo Morales e Diego AS
Maite Ferreiro: “quixemos recoñecer o traballo destes dous lucenses, que veñen de obter recoñecementos a nivel estatal e internacional”
O saxofonista Xurxo Morales, que vén de obter o terceiro premio internacional de Saxofón, recibiu formación na Escola Municipal de Música
Lugo, 07 de abril de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, recibiron aos artistas lucenses Xurxo Morales, saxofonista, e Diego AS, graffiteiro, que veñen de recibir recoñecementos a nivel estatal e internacional. Maite Ferreiro explicou que “desde a área de Cultura quixemos recoñecer o traballo destes dous lucenses, que cos seus recoñecementos veñen de promocionar a gran capacidade artística coa que conta Lugo”.
O saxofonista lucense Xurxo Morales recibiu o terceiro premio de saxofón nas Xornadas Internacionais de Saxofón que se celebran anualmente en Andorra, baixo a tutela de figuras prestixiosas do saxofón clásico como Claude Delangle, Alain Crepin, Vicent David, Mariano García ou Nikita Zimim. Xurxo Morales obtivo o terceiro premio na súa primeira participación no certame, sendo o saxofonista lucense o único participante que representou ao estado español. Maite Ferreiro destacou que “Xurxo Morales recibiu formación na Escola Municipal de Música, unha instalación que desde a área de Cultura estamos a traballar en mellorar e promocionar, facilitando que aparezan novos valores no eido cultural lucense”.
O muralista Diego AS vén de ser proclamado campión estatal de grafitti na competición organizada pola Liga Nacional de Grafitti, coa realización dun mural de 5x5 metros titulado New Virus Like que, segundo o autor, foi pensado para a xuventude que está perdida. Diego AS comparte a victoria na primeira edición do certame xunto co vasco Nexgaff.