Maite Ferreiro e Rubén Arroxo reciben a dúas profesoras da Universidade de Le Mans
Maite Ferreiro: “desde o Goberno de Lugo continuamos a traballar para que a muralla sexa un referente de Lugo por todo o mundo”
As profesoras Salins e Bertrand, da universidade francesa de Le Mans, achegáronse a Lugo para coñecer o proceso de declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade
Lugo, 01 de xuño de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro recibiron no concello ás profesoras Salins e Bertrand, da universidade de Le Mans, que foron acompañadas pola doutora Elena Freire Paz, do departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC.
A edil de Cultura mostrou ás investigadoras o traballo realizado polo Concello de Lugo e a implicación de toda a veciñanza da cidade hai máis de 20 anos, cando se conseguiu que a Muralla fose declarada Patrimonio da Humanidade, e o traballo que se continúa a facer hoxe desde o Goberno de Lugo para continuar a dinamizar e poñer en valor a Muralla e a súa contorna.
“Desde a área de Cultura e o resto de áreas do Goberno de Lugo traballamos para que a Muralla de Lugo sexa un referente de Lugo por todo o mundo”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “a Muralla é o principal atractivo turístico da cidade e unha das imaxes máis representativas da cidade”.
Nos últimos anos, a contorna da Muralla acolleu unha grande cantidade de programación cultural, como concertos ou mostras de danza. “Unha vez se remate a peonalización da Mosqueira, a nova praza será un importante punto da programación cultural da cidade”, afirmou Maite Ferreiro.