14 ESPECTÁCULOS, 80 ACTRICES, ACTORES E MÚSICAS ACOMPAÑARÁN AOS MAGOS DE ORIENTE NA SÚA CHEGADA A LUGO ESTE DOMINGO
Maite Ferreiro supervisa a montaxe das carrozas para a Cabalgata de Reis de 2025
14 espectáculos, 80 actrices, actores e músicas acompañarán aos Magos de Oriente na súa chegada a Lugo este domingo
Maite Ferreiro: "Traballamos para que as súas maxestades teñan todo preparado cando cheguen á nosa cidade"
Lugo, 04 de xaneiro de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, supervisou a montaxe das carrozas nas que viaxaran por Lugo as súas maxestades os reis de oriente o día 5 xaneiro na cabalgata de Reis. Serán 4 as carrozas, e despois da súa chegada á nosa cidade engalanaranse e preparanse para que participen na Cabalgata que este ano será acompañada por música e 14 espectáculos que farán vibrar a todas as persoas presentes.
Ferreiro explicou que "presentamos un novo espectáculo para que as nenas e nenos de Lugo poidan recibir aos Magos cunha gran cabalgata que contará con música e espectáculos novidosos e de calidade". A Cabalgata, titulada 'Nómadas', percorrerá as rúas de Lugo o vindeiro domingo a partir das 18:00 horas, saíndo desde o Parque da Milagrosa e coa previsión de chegar á praza do Concello ás 19:30 horas.
A edil de Cultura lembrou o percorrido definitivo da cabalgata, que volverá ser o habitual, partindo do Parque e continuando pola avenida da Coruña. A entrada no recinto histórico será pola Porta de San Fernando e continuará percorrendo as rúas San Fernando e San Marcos, para chegar á praza de Santo Domingo e continuar pola rúa da Raíña, antes de rematar na praza Maior.
O percorrido contará con 4 carrozas e 14 espectáculos que inclúen a partipación de 80 actrices, actores e músicas. "A cabalgata deste 2025 está adicada a aquelas persoas reais ou de ficción que coma os Reis Magos fan da viaxe o seu modo de vida, grandes viaxes da historia e da literatura, grandes viaxeiros e expedicións, caravanas e nómadas de antes e de agora", explicou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro. Representa a ilusión da viaxe e o descubrimento, da exploración do mundo, coñecer novos lugares e persoas e aprender delas, intercambiar culturas.
"Submarinos, caravanas cirquenses, zeppelíns, grandes animais, músicas diversas e moito máis, unha espectacular posta en escena que acompañará ás súas maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar no seu percorrido pola cidade", insistiu Ferreiro.
Durante o desfile polas rúas de Lugo repartiranse 1.500 quilos de caramelos, e as nenas e nenos que saúden aos Magos de Oriente no Concello recollerán un dos 3.000 cornetes de lambetadas, que levarán tamén un pequeno xoguete como recordo da chegada dos Magos a Lugo.