Maite Ferreiro visita a Escola Municipal de Música nos días previos ao inicio de curso

Este curso, a escola municipal acollerá a 367 alumnas e alumnos, divididos en distintos grupos de linguaxe musical, instrumentos e preparación para o acceso ao conservatorio

Maite Ferreiro confirmou a Troveros de Asieta e Yin Yin para o San Froilán 2022

Maite Ferreiro visita a Escola Municipal de Música nos días previos ao inicio de curso

Lugo, 12 de setembro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto co Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, visitaron a Escola Municipal de Música, que comezará o curso escolar mañá, 14 de setembro. Maite Ferreiro destacou o papel da Escola Municipal de Música, “que permite acceso á aprendizaxe de música sen importar o poder adquisitivo das persoas”, e destacou a ampla demanda que ten entre a veciñanza, con 367 alumnos e alumnas no presente curso, cubrindo a totalidade das prazas.

A Escola Municipal de Música imparte materias para alumnado de diferentes idades nas modalidades de música e movemento (para menos de 4 e 5 anos), formación básica (para 6 e 7 anos), linguaxe musical (de 8 a 16 anos) e linguaxe para personas adultas. Ademais, ofértanse clases de clarinete, saxofón, fagote, tuba, trompeta, trombón gaita, piano e percusión. A Escola Municipal de Música oferta tamén formación para a preparación das probas de acceso ao conservatorio.

No tocante ás materias grupais, a escola oferta formación para banda de música, grupo de saxofóns, grupo de clarinetes, grupo de música tradicional, big-band, improvisación, técnica básica de metais graves e formación de adultos.

A edil de cultura destacou "o éxito que están a ter entre a veciñanza as distintas iniciativas que puxemos en marcha para achegar a música ás rúas, como as Ruadas da Escola Municipal de Música ou os concertos organizados pola área de Cultura xunto co conservatorio de Lugo".

Novos concertos San Froilán 2022

Maite Ferreiro confirmou dous novos concertos para o San Froilán 2022. Hoxe foi o turno dos Troveros de Asieta, que estarán en Lugo o 5 de outubro e a Yin Yin para o xoves 6.

TROVEROS DE ASIETA. Mércores 5 de outubro. 21h Praza de Santa María.

Troveros de Asieta nace na illa de La Palma (Islas Canarias), froito da herdanza de aqueles viaxes de ida e volta entre Canarias e Cuba. No seu espectáculo fai un percorrido polos temas máis emblemáticos dos seus últimos traballos discográficos. O espectáculo que ofrecerán en Lugo conta con temas propios e versións interpretadas co inconfundible estilo do grupo, no que o “son cubano” é o ritmo central do espectáculo, se ben tamén teñen cabida outros xéneros coma o “chachachá”, a “guaracha” oo o “guaguancó”, así como exquisitos instrumentais.

Troveros de Asieta presenta unha formación de 9 músicos e conta con nove traballos discográficos, “Tradicional” (1994), “Vamos a hacerlo bueno” (1997), “Siempre sonriendo” (2001) “Bailando con Lecuona” (2004), “Aquí en la Isla” (2008), “Troveros de Asieta 20 Años-2 CDs” (2011), “El son tiene duende “ (2014), “Querida Cuba” (2017) e “Influencias del Latin Jazz-CD Recopilatorio” (2020), que presentaron por todas as Illas Canarias, a Península e no extranxeiro.

O seu bo facer foi recoñecido pola crítica especializada, incluíndoo entre as formacións máis importantes da música cubana feita en Europa, ratificado polos expertos cubanos que lle concederon o Premio Internacional Cubadisco 2012. No 2003, estiveron representando a España no Festival dos Septetos celebrado na Habana, que nesa edición abriuse por primeira vez á participación de formacións soneras destacadas no ámbito internacional.

Con Troveros colaboraron estreitamente artistas do prestixio de Manolito Simonet, Alfredo Valdés Jr., Albita Rodríguez, Pancho Amat, Lucrecia, Raimundo Amador, Braulio, Mayelín, Martirio, Caco Senante, o Sole Giménez, entre outros.

YĪN YĪN. Xoves 6 de outubro. 23h Praza Santa María.

“The Age Of Aquarius” ten unha estética de mosaico, unindo anacos de música de todo o mundo e poñéndoos ao servizo da pista de baile. Este novo LP de YĪN YĪN, The Age Of Aquarius, é unha chamada simple e directa ao baile. Esta banda ven desde Maastricht disposta a facernos vibrar coa súa proposta que se constrúe utilizando a música do sudeste asiático dos anos 60 e 70 como inspiración principal, misturada cos seus antecedentes e intereses musicales individuais e dando como resultado un notable conxunto de cancións que misturan world music, disco, funk e electrónica.

Maite Ferreiro visita a Escola Municipal de Música nos días previos ao inicio de curso