Mónica Roca, candidata do BNG á Alcaldía de Guitiriz

Esta muller liderará o proxecto nacionalista en Guitiriz para “Amosar a confianza que temos neste Concello e facer avanzar Guitiriz desde o rigor, a boa xestión e a defensa dos servizos públicos”

Mónica Roca, candidata do BNG á Alcaldía de Guitiriz

Guitiriz, 25 de marzo  de 2023. A asemblea local Bloque Nacionalista Galego en Guitiriz elixiu, a través dun proceso democrático e participativo, quen será a persoa designada para liderar a candidatura nacionalista nas vindeiras eleccións municipais do 28 maio.

A persoa asignada pola asemblea Mónica Roca Ares. Esta muller de 47 anos é natural de Mariz e traballa como enfermeira de urxencias no Hospital Lucus Augusti.

Mónica Roca declarou “imos a por todas, o BNG quere darlle un xiro a este concello para poñelo ao servizo á veciñanza, cun proxecto que faga avanzar e ilusionar a todas e todos” e sinalou “somos un grupo unido e comprometido coa xente, que conxuga veteranía e xuventude, con caras novas que nos aportan diferentes formas de ver as cousas e, unha dose importante de ilusión que, unida ao compromiso que durante anos viñeron amosando os máis veteranos permítennos conformar unha candidatura para amosar que Guitiriz merece máis e estamos dispostas a traballar arreo para conseguilo. É unha agrande responsabilidade e por isto tamén quero trasladar o agradecemento ás compañeiras e compañeiros por depositar en min a confianza de poder liderar este reto, o que teño claro que xuntos e xuntas somos capaces de dar o mellor de nós por un Guitiriz que merece máis”

De igual xeito, Mónica Roca destacou que "Temos confianza para facer avanzar este concello desde o rigor, a boa xestión, a defensa dos servizos públicos e servizos socias, a igualdade e dar pasos adiante nun concello máis próspero e xusto”

Mónica Roca, candidata do BNG á Alcaldía de Guitiriz