A Mosqueira acolle o 22 aniversario da Federación Galega de Teatro Afeccionado
Maite Ferreiro: “renovamos un ano máis o noso compromiso co teatro afeccionado, apoiando unha programación festiva para visibilizar o teatro amador da Galiza”
O 22 aniversario da FEGATEA achegará distintas actividades á Praza da Mosqueira este sábado, 9 de xullo
Lugo, 07 de xullo de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que a praza da Mosqueira acollerá este sábado a programación do 22 aniversario da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), que contará coa presenza dos grupos federados para dinamizar durante todo o día o novo espazo público. Maite Ferreiro explicou que “un ano máis renovamos a nosa colaboración coa FEGATEA, apoiando esta programación para visibilizar o teatro amador da Galiza”.
A celebración do 22 aniversario da FEGATEA marca un fito no desenvolvemento do teatro amador no territorio galego, dando visibilidade aos 50 grupos federados que no ano 2021 realizaron preto de 150 actuacións.
A FEGATEA realizará ao longo do día unha programación de carácter festivo, con actuacións de microteatro, co fin de poñer de manifesto a presenza e potencia do teatro amador galego e compartir con todos os grupos da FEGATEA que queiran participar, e con todo o público que asista, unha mostra do moito traballo que se realizará por toda Galiza por parte de centos de mulleres e homes que dedican unha boa parte do seu tempo de lecer a facer teatro sen ánimo de lucro algún, e a espallar, por calquera recuncho da nosa xeografía que o requira, esas obras preparadas con todo o agarimo para desfrute das veciñas e veciños que acoden a esas representacións.
Programación 22 aniversario da FEGATEA, sábado 9 de xullo:
10:00 h : Recepción de participantes e entrega de documentación no Centro Cultural do Vello Cárcere.
11:00 h - 13.30h: Pezas de microteatro e animación.
13:30 h: Acto oficial de inauguración.
14:00 h: Presentación da web da Fegatea
17:00 h - 20:00 h: Pezas de microteatro e animación.